O BNG logra, diante dun goberno do PSOE en minoría (3 de 11), sacar adiante dúas mocións dirixidas a mellorar o rural de todas as aldeas.
O voceiro do BNG de Dodro, Xoán Bautista Mariño dixo, o pasado xoves 14 de novembro, que desde hai anos o abandono do rural é evidente por parte dos distintos gobernos do Estado e da Xunta nas súas respectivas competencias. “As aldeas baléiranse e a xente protesta ante a falta de amparo das administracións diante de normas de obrigado cumprimento que non axudan á maioría do territorio galego. A falta de iniciativas para cultivar, rexenerar, repoboar e por en valor os distintos territorios fan que a limpeza de fincas sexa a única opción que queda para evitar incendios e ter minimamente coidados espazos de toda a nosa xeografía. ” A lei Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais é insuficiente.
Ante as queixas transmitidas ao BNG pola veciñanza, o pleno aprobou instar á Consellería do Medio Rural a unha coordinación eficaz entre administracións, identificación mellor das parcelas e máis apoio material e persoal para o Concello de Dodro. O BNG ante as cartas da veciñanza, recibidas ao longo do ano, pediulle tamén aos tres do goberno melloras na información e asesoramento dilixente en todos os casos necesarios.
A outra moción trataba o tema das infraestruturas de telecomunicacións que xunto coa electricidade reséntense pola falta de mantemento pese a que se paga por elas. Sen oficinas de atención das compañías, postes caídos e tendidos obsoletos ao longo de todo o municipio dan idea do abandono que mesmo impiden novas altas para a veciñanza que desexa ter fibra óptica.
Entrada na Casa Consistorial de Dodro, Tallós
O BNG preocupouse polas obras necesarias en camiños mal arranxados como en Revixós ou a propia casa consistorial chea de goteiras e humidades. Insistiu o voceiro nacionalista na defensa das celebracións e festas tradicionais coma o magosto que este ano non fixo o goberno.
O goberno en minoría afecta igualmente a atención presencial nas dependencias municipais polo que o BNG pide que haxa sempre, en horario de oficinas, un membro do equipo de goberno para atender tamén á veciñanza ou no seu defecto que elaboren un calendario para que a xente saiba cando e a onde acudir.