Rego reclama a Traballo rexeitar o ERE de CIRCET que afonda na precarización do sector e suporá o despedimento de 118 persoas en Galicia

por Redacción Galicia

Están en perigo 377 postos de traballo, 118 en Galicia, polo que o Ministerio debe reunirse coa representación dos e das traballadores e escoitar as súas demandas

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, após reunirse en Galicia e en Madrid, cos representantes dos e das traballadoras de CIRCET afectadas, vén de rexistrar iniciativas para que o Ministerio de Traballo rexeite a medida proposta pola empresa de levar a cabo un ERE. Rego exixe ao Goberno que se reúna e escoite as reclamacións dos representantes legais dos e das traballadoras e recuperar a autorización laboral previa nos despedimentos colectivos para asegurar unha negociación efectiva para a solución de conflitos. Lembra, ademais, a necesidade de derrogar por completo a Reforma Laboral de 2012 para a recuperación dos dereitos e a mellora das condicións laborais das persoas traballadoras.

CIRCET vén de adquirir unha unidade produtiva autónoma dedicada á instalación e mantemento de redes de fixas de telecomunicacións propiedade de COMFICA que conta, entre os seus clientes principais, a MOVISTAR e á propia Xunta e que ten un cadro de persoal en Galicia de máis de 350 traballadores e traballadoras. Ademais, a CNMC autorizou en maio a CIRCET, a facerse co control exclusivo desta unidade produtiva de COMFICA mentres a empresa se comprometía a manter os postos de traballo en cada unidade produtiva.

«Despois de tomar o control efectivo das operacións, a empresa presentou un Expediente de Regulación Extintivo para un terzo do seu persoal no Estado español que impactaría moi especialmente na Galiza, estando inicialmente afectadas por este expediente 118 persoas dos centros de traballo situados no noso país» alerta o deputado do BNG. Como é sabido, os principais clientes deste servizo son as administracións públicas, ademais da empresa Movistar, propiedade de Telefónica e, polo tanto, unha empresa participada adora por capital público.

«É preciso que o Ministerio medie neste conflito, se interese pola súa situación e favoreza que se solucione sen despedimentos, asegurando así o mantemento de condicións laborais dignas. Traballo debe rexeitar o ERE proposto pola empresa sen causa nin xustificación real e que ten como único obxectivo favorecer a precarización e desregularización» defende o deputado do BNG no Congreso. De non facelo, engade Rego, estarán e perigo un total de 377 postos de traballo dos que 118 están localizados na Galiza.

Recuperar a autorización laboral previa e derrogar a Reforma Laboral

«É preciso, por tanto, recuperar a autorización laboral nos despedimentos colectivos para garantir a súa previa negociación real cos representantes das e dos traballadores así como coas organizacións sindicais e que logo conten co visto e prace dos poderes públicos como garante do cumprimento dos requisitos» reivindica Rego. Recuperar este mecanismo, subliña, permitiría evitar e actuar ante despedimentos como o que pretende levar a cabo a empresa. «Coa restauración do poder de supervisión e intermediación da Administración no procedemento, garantirase a posibilidade de chegar a solucións alternativas á execución dun expediente de regulación de emprego» finda.

Alén do máis, Néstor Rego insta o Ministerio de Traballo a derrogar de forma efectiva a Reforma Laboral de 2012 para a recuperación dos dereitos individuais e colectivos e para a mellora das condicións laborais, e «no mínimo neste punto, de forma urxente, para permitir a intervención e mediación pública en casos de despedimentos colectivos».

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario