O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, destaca o «momento extraordinario» da cociña coruñesa, impulsada pola combinación do talento profesional e pola calidade do produto.
A Deputación da Coruña participa este serán na gala do Premio Cociñeiro/a Galego/a 2026, que se celebra no auditorio Mar de Vigo. Ao acto acudirá o vicepresidente, Xosé Regueira, e haberá un espazo propio da campaña provincial ‘A paisaxe que sabe’. A cita, organizada por Galicia Fórum Gastronómico, inaugura unha nova etapa do certame, que pasa a ter carácter anual e reforza a súa aposta pola promoción da gastronomía galega, o produto de proximidade e o talento emerxente.
«A gastronomía galega vive un momento extraordinario grazas á combinación do enorme talento das nosas cociñeiras e cociñeiros cunha despensa única, que nace do mellor mar e da mellor terra. Temos produto, identidade e creatividade, e iso convértenos nun territorio de referencia», sinalou Regueira.
A participación da Deputación enmárcase na estratexia de promoción da provincia como territorio gastronómico de referencia, poñendo en valor o produto local, a sustentabilidade e a identidade culinaria coruñesa.
A marca ‘A paisaxe que sabe’ contará cun espazo de seu dentro do evento. Nel, os chefes Iria Espinosa e Luís Veira, do restaurante coruñés Árbore da Veira —distinguido cunha estrela Michelin—, elaborarán distintas propostas para o público asistente. Entre elas, torrada de tinta de lura con bocarte e plancto, molete de polbo á galega e xurela con queixo galego, amorodos e flocos de millo.
A través deste espazo propio de ‘A paisaxe que sabe’ «queremos explicar o éxito dunha provincia que sabe transformar o seu territorio, a súa paisaxe e o seu produto nunha experiencia gastronómica de altísimo nivel», reivindicou o vicepresidente da Deputación da Coruña.
Xosé Regueira incidiu tamén na importancia de apoiar o talento emerxente e de visibilizar o sector en eventos de referencia. «Os cociñeiros e cociñeiras da provincia da Coruña están a demostrar que tradición e innovación non só poden convivir, senón que son a clave do éxito. Temos unha xeración de profesionais que está reinterpretando a nosa cultura gastronómica desde o respecto ao produto e coa máxima calidade».
Conversa institucional
O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, participará ademais nunha conversa institucional prevista ás 20:30 horas xunto ao director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, nun bloque centrado na promoción do territorio e da gastronomía galega.
A provincia da Coruña contará tamén con representación entre as candidaturas finalistas ao premio, coa presenza de D’Obra, do cociñeiro Andrés Torreiro, de Melide, e Bacelo, representado por Mar Lago e Álex Martínez, de Ferrol.