Conmemoramos o 25N “Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller” en Rianxo contando “A historia en Feminino”, onde Ana Hermida fará un achegamento ao público infantil das moitas e sobresaíntes, así como descoñecidas, mulleres que houbo ao longo da historia e que foron borradas da mesma. Científicas, guerreiras, inventoras, aventureiras, deportistas, escritoras, músicas… todas teñen cabida nesta historia en feminino.
Porque a invisibilización tamén é violencia de xénero, estaremos visibilizando mulleres no Ceip Ana María Diéguez do Concello de Rianxo para o alumnado de infantil e primaria, que terán una cita co feminismo o luns 25 de novembro en horario de mañá.
Ana Hermida é Diplomada en Arte dramática, profesional do teatro, televisión e cine, conta con ampla experiencia no mundo da narración oral. No teatro interpretou a Cunqueiro, Shakespeare, Strimberg, Pisón, Graña, Rosalía… Contadora en bibliotecas, teatros, colexios, centros socioculturais, etc. da xeografía galega, para público infantil e persoas adultas. Ten formación en Igualdade e Violencia de Xénero, así como na Rima, verso e métrica. Colabora: Bne, xornais, radio, documentais.