UCIN Galicia acusa ao BNG de “soster politicamente a corrupción do PSOE” tras a intervención da UCO en Ferraz

O coordinador de UCIN Galicia, José Luis Calo, emitiu hoxe un contundente comunicado no que critica duramente ao BNG e á súa portavoz nacional, Ana Pontón, pola súa postura ante os últimos casos de corrupción que afectan ao PSOE. A reacción chega tras a intervención da Unidade Central Operativa (UCO) da Garda Civil na sede socialista de Ferraz, en Madrid.

Desde UCIN Galicia consideran que “o Bloque perdeu toda credibilidade política ao continuar apoiando no Congreso a un Goberno rodeado de investigacións, imputacións e escándalos xudiciais”.

José Luis Calo afirmou que as actuacións da UCO e os novos datos que se van coñecendo confirman a gravidade dunha situación que cualifica de «insostible para a democracia». O coordinador municipalista denunciou formalmente a estratexia dos nacionalistas: «O silencio de Ana Pontón e dos deputados do BNG en Madrid convértese xa nunha forma de complicidade política. Non se pode falar de rexeneración democrática mentres se sostén a un partido acosado pola corrupción.”

UCIN Galicia lembrou que nos últimos meses diversas investigacións apuntan a presuntas tramas de financiamento irregular, tráfico de influencias e uso partidista das institucións no entorno do PSOE. Para a formación, resulta «especialmente grave» que os socios do Executivo prioricen os seus intereses políticos mentres existen ex altos cargos investigados e condenados.

Críticas ao «deterioro institucional»

Calo acusou ao nacionalismo galego de “antepoñer os pactos ideolóxicos aos intereses reais dos cidadáns” e de vender unha imaxe de defensa de Galicia que, na práctica, «limítase a garantir o seu protagonismo en Madrid».

Finalmente, o coordinador reivindicou a UCIN como un proxecto estritamente municipalista e centrado nos veciños, afastado “dos extremismos e das redes de intereses partidistas que dominan a política estatal”. «Os cidadáns necesitan representantes honestos e centrados nos problemas reais dos concellos», concluíu.

Comparte éste artículo
No hay comentarios