Un mundo sen 25N. Por @DulceCorcu

É a meta de cada 25 de novembro: que sexa o último. Que ningunha das xeracións vindeiras teña que saír á rúa nunha data concreta para reivindicar non ser maltratadas, violadas ou asasinadas. Coma este luns de loito e lembranza polas que non están e polos seus fillos e fillas, dez nenos e nenas vítimas tamén da violencia machista neste ano aínda sen rematar. E por todos os que quedan orfos porque seu propio pai ou a parella da súa nai decide arrincala das súas inocentes vidas. Un 25N sempre envolto en sangue e dor, agás nalgúns casos onde se prefire «celebrar» como se dunha festa se tratase, con músicas e fanfarrias, ás veces xusto por parte de quen debera concienciar e dar exemplo, pero que sucumben ante a tentación de consideralo un día de celebración cando en realidade só é de conmemoración. 

Nunha sociedade aínda moi lonxe dunha igualdade real, algúns estereotipos van sendo derrubados lentamente, e un deles é o fútbol que ata hai pouco era cousa practicamente exclusiva de homes. Mulleres e nenas hoxe enchen tamén os campos e as bancadas, e desde moi novas pelexan por abrir camiños de esperanza onde o seu futuro non teña ningún 25N no horizonte. Paula, María, Laura, Ainara e Sabela son parte dese obxectivo polo que este 25 de novembro volveremos estar nas rúas. Por elas e por todas as que xa non teñen voz, pero ás que prestaremos o noso berro para que nunca máis falte ningunha…..E os 25N volvan ser un día coma outro calquera no calendario da nosas vidas. 

Foto: xogadoras do equipo Alevín «B» da Escola Cabrejo – Concello de Camariñas. 

Comparte éste artículo
No hay comentarios