Hoxe, #25N, día internacional contra a violencia de xénero, este poema é un eco das vidas marcadas pola inxustiza, o medo e a violencia. É tamén un chamamento á esperanza e á loita.
Que ningunha máis teña que calar. Que saír sexa sempre sinónimo de liberdade, ledicia e calma.
Erguémonos. Porque a nosa voz é forza, e a nosa loita, futuro.
Un día saes…
Un día saes, coa risa no vento,
co fulgor nos ollos e o corazón ledo.
Un día saes, nunha belida noite de estío,
pero nun recuncho escuro, agaita o mal, sintes un calafrío.
Un día saes, o campo é o teu refuxio,
graváronte sen permiso, e sénteste no limiar do abismo.
Un día saes, e a liberdade é unha miraxe,
sen pudor nin licenza, voa ceibe a túa imaxe.
Un día saes, e o veleno na bebida,
arríncache as lembranzas, desposúete da vida.
Un día saes, espértaste coa alma rota,
e na pantalla fría, a túa dor explota.
Un día saes, e o teu corpo é vexado,
parece que xa non hai abeiro, o teu nome é aldraxado.
Un día saes, e a festa tórnase nunha batalla,
a túa dignidade enzoufada, a túa risa soterrada.
Un día saes, e aínda que che despoxaron tanto,
non poden riparche a túa voz nin o teu encanto.
Un día saes, loitas con palabras e alma,
para que algún día poidamos sair todas sen perigo e con calma.
Un día saes, ergueita e sen tremer,
ti fuches quen de vencer.