Hoxe a secretaria xeral Paula Prado mantivo un encontro en Vedra co alcalde Carlos Martínez e o seu equipo
O PPdeG terá un papel protagonista na Intermunicipal do Partido Popular que celebrará este fin de semana en Valladolid, á que asistirán un cento de representantes galegos co obxectivo de «deixar claro a importancia dos 313 concellos» e reivindicar que Galicia é un exemplo de estabilidade, xestión e sentidiño para toda España.
Tal e como anunciou hoxe a secretaria xeral dos populares galegos, Paula Prado, entre eses representantes intervirán alcaldes como o de Vedra, Carlos Martínez; o de Ferrol, José Manuel Rey Varela; o do Pereiro de Aguiar e presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor; e a de Mos, Nidia Arévalo. «Catro grandes valores do noso partido e que serán a nosa voz nesta Intermunicipal», explicou.
Unha Intermunicipal que servirá para reivindicar que «somos o partido da estabilidade, a xestión e o sentidiño, que non só goberna nos concellos, senón que o fai tamén na Xunta co apoio maioritario de todos os galegos e galegas». Así como para deixar claro que «Alberto Núñez Feijóo é a alternativa que necesitamos os españois fronte a Sánchez e a corrupción».
En declaracións aos medios acompañada polo alcalde de Vedra, Carlos Martínez, a secretaria xeral do PPdeG sinalou que o seu partido é tamén «o partido da Galicia que funciona, tamén en cada un dos municipios, sexan cidades, vilas ou pequenos concellos». Así o testemuñan, engadiu, tanto as 154 alcaldías populares –case a metade na Comunidade e 37 na provincia da Coruña– como o feito de que foi o partido máis votado en moitos outros concellos «onde fai oposición fronte a pactos de perdedores».
A IMPORTANCIA DO SENTIDIÑO NOS GOBERNOS MUNICIPAIS
Para Paula Prado o rexedor vedrés é un «referente» para o partido logo de «13 anos de mandato e de benestar para os seus veciños e veciñas». Unha traxectoria que, puxo en valor, foi referendada nas urnas cun 56% de apoio (máis de 1.600 votos) nas últimas eleccións municipais e 8 de 13 concelleiros na Corporación municipal.
Carlos Martínez, pola súa banda, quixo agradecer a oportunidade de poder participar na Intermunicipal popular e así «poder dar voz ao rural e compartir a experiencia dos concellos rurais gobernados polo Partido Popular». Uns concellos que, explicou, se caracterizan por contar con «gobernos que aportan tranquilidade, sensibilidade, estabilidade e sentidiño aos veciños».
Incidindo na necesidade de traballar para que a xente que queira vivir no rural poida facelo contando cos mesmos servizos que nas vilas ou nas cidades, o alcalde –que tamén é vogal da Xunta de Goberno da FEMP– incidiu en que os gobernos populares son garantía de «saber xestionar os recursos coa máxima eficiencia e lograr facer máis con menos».
A DESUNIÓN E A DEBILIDADE DA ESQUERDA
A secretaria xeral do PPdeG contrapuxo a unión e fortaleza que vai demostrar o Partido Popular na Intermunicipal coa «desunión» e a «debilidade» que van mostrar tanto Pedro Sánchez no seu Congreso como Ana Pontón na súa Asemblea.
«A corrupción ten acurralado a Sánchez, que xa non sabe que máis escusas poñer e que máis cortiñas de fume inventar para tapar os seus escándalos», afirmou referíndose ao «cada vez menor apoio» do PSOE ao seu líder.
No que se refire á desunión nas filas do nacionalismo, con tres candidaturas diferentes na Asemblea deste fin de semana, Prado sostén que «o corazón do BNG está roto» e que «cada vez hai máis voces críticas contra Ana Pontón». Sobre todo, daqueles sectores que queren a independencia de Galicia e que son maioría no partido. «Se eu fose do BNG, estaría molesta co triunfalismo e a nula autocrítica de Pontón, que perdeu xa tres veces as eleccións», concluíu.