Pasou outro 25 de novembro cheo de reivindicacións, actos e lembranza de todas aquelas que xa non están porque as súas vidas foron arrebatadas pola violencia machista. En Cee, vila da Costa da Morte, non é unha data calquera para Buserana, organización feminista pioneira na comarca, que botaba andar naqueles anos aínda escuros onde as mulleres caladiñas estaban máis guapas. Moi preto dos vintecinco anos de actividade, con moitas mulleres loitando desde dentro ou colaborando desde fóra, e con outras que xa non están pero serán inesquecibles como Pepa, o feminismo chegaba para quedar e expandirse, pois agora outras organizacións foron xurdindo en lugares como Vimianzo ou Carnota.
Pero aqueles inicios seguen na memoria das que aínda permanecen ao pé do canón, cando saír ás rúas non era nunha multitudinaria concentración, senón un grupúsculo de mulleres vixiadas pola autoridade, porque ser feminista non era precisamente algo ben visto. A visibilidade e concienciación sobre os nosos dereitos, a infame violencia machista e a liberdade de elección sexual ou en calquera outro ámbito foron as pedras angulares do seu ideario. Que ser muller non implique ser menos que ninguén, que parece algo moi obvio, pero segue a ser unha batalla que librar a cotío en moitas frontes. Sen renderse nunca, ás veces máis numerosas e participativas que outras, pero sempre combativas e referentes dun movemento que foi medrando lentamente e que busca relevo para poder seguir avanzando. A implicación das novas xeracións, a esperanza dunha Educación onde a Igualdade sexa tan real que non precisemos datas para reivindicala como o 8M, ou vivir tan libres de medo que non teñamos que preocuparnos sobre quen segue os nosos pasos son, pese a todos os anos transcorridos desde que Buserana alumeaba ao feminismo, loitas inconclusas que non podemos permitirnos deixar baleiras. Por todo iso, Buserana é o corazón latexante onde tantas mulleres atoparon abrigo e unha causa para seguir defendendo un mundo onde poidamos vivir e amar sen que ninguén decida por nós, unha elección que non tivo Florinda ao namorarse de Buserán.