O PP de Galicia sae «aínda máis reforzado» da Intermunicipal para seguir traballando polos veciños e veciñas dos 313 concellos

por 21 Noticias

O Partido Popular de Galicia sae «aínda máis reforzado» para seguir traballando polos veciños e veciñas dos 313 concellos despois da súa participación na XXVII Intermunicipal do PP esta fin de semana en Valladolid.

«O PPdeG demostrou a súa fortaleza con intervencións nesta Intermunicipal no ámbito das políticas sociais, o medio ambiente ou a transformación dos municipios. Saímos se cabe máis reforzados para poñer en marcha en todos os concellos boas prácticas que recollemos de compañeiros do resto de España, para seguir traballando polos veciños e veciñas de Galicia», subliñou a secretaria xeral, Paula Prado, antes de asistir á clausura.

O presidente do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo, contou co apoio hoxe de toda a delegación galega, máis dun cento de representantes: «É un militante máis de Galicia. Sempre defende a Galicia, desde Madrid ou calquera outro sitio».

Neste sentido, Paula Prado sinalou que todos os populares presentes na Intermunicipal, e os que non están, están dicindo que se precisa «urxentemente» un cambio en España. «Necesitamos saír desta lameira de corrupción na que nos meteu o Goberno de Sánchez e camiñar cara un cambio liderado por Núñez Feijóo», engadiu a número dous dos populares galegos.

Pola súa banda, Galicia demostrará nos vindeiros meses que «segue funcionando», cun Goberno liderado polo presidente Alfonso Rueda que «pon os intereses dos galegos e galegas por enriba de calquera interese partidista».

A DEBILIDADE E DESUNIÓN DE PSdeG E BNG

Por último, Paula Prado contrapuxo a «fortaleza» e «protagonismo» demostrados unha vez máis polo PPdeG dentro da estrutura nacional do partido fronte a un socialismo galego cunha presenza «residual» na executiva nacional do PSOE e nos intereses do Goberno de Sánchez, «cun só membro real, ao nivel dunha cidade autónoma, por facer unha comparativa».

Así mesmo, salientou o contraste entre a «unión» dos populares galegos coa «ruptura e desunión» dentro do corazón do BNG, evidenciada na súa Asemblea: «Está claro que a gran maioría do BNG o que realmente quere é a independencia de Galicia; afondar no monolinguismo e a imposición do galego; e máis ideoloxía e menos futuro para a nosa terra».

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario