O PPdeG denuncia que o Goberno de Sánchez está facendo “o posible e o imposible” para impedir o debate da transferencia da AP-9 a Galicia no Congreso

por Redacción Galicia

Celso Delgado: “Todo apunta a que os socialistas e os seus socios están favorecendo unha prórroga indefinida dos prazos para que tampouco nesta Lexislatura se faga efectiva a transferencia a Galicia da titularidade e xestión da principal autoestrada da Comunidade”.

Os deputados do Partido Popular de Galicia no Congreso denuncian o “boicot” que está perpetrando o Goberno de Sánchez, sostido polo PSOE, BNG e Sumar, á tramitación parlamentaria da proposición de lei sobre a transferencia da AP-9 a Galicia, facendo “o posible e o imposible” para impedir o seu debate a través de prórrogas.

Fano logo de que onte mesmo a Mesa do Congreso dos Deputados –dominada polos socialistas e os seus socios– acordase a décimo quinta prórroga no prazo de presentación de emendas á iniciativa, cuxa toma en consideración polo procedemento de urxencia foi aprobado no mes de xuño deste mesmo ano. 

Unha prórroga que os populares consideran “lamentable” na medida en que encamiña o que é “un anhelo unánime do pobo galego” pola mesma senda da pasada Lexislatura: “Primeiro foron adiando o prazo de presentación de emendas ata chegar a quince prórrogas, logo boicotearon a súa tramitación na ponencia e finalmente a disolución das Cortes Xerais impediu que saíra adiante”.

Nesta liña, o deputado galego e vicepresidente segundo da Comisión de Transportes e Mobilidade Sostible do Congreso, Celso Delgado, ten claro que “todo apunta a que o PSOE, coa conivencia do socialismo galego, está favorecendo unha prórroga indefinida dos prazos para que tampouco nesta Lexislatura se faga efectiva a transferencia a Galicia da titularidade e xestión da principal autoestrada da Comunidade”.

Lamenta así que o socialismo dera o seu apoio en Galicia á mesma iniciativa que logo, unha vez chega a Madrid, fai “o posible e o imposible” por boicotear. Unha actitude que se equipara, na súa opinión, á de Sumar: “Unha formación supostamente liderada por unha galega pero que vota en contra dos intereses dos galegos e galegas”.

“Desde o PPdeG non imos aceptar esa nova aldraxe a Galicia e non estamos dispostos a consentir que o Goberno de Sánchez, coa submisión do socialismo galego e o apoio a este Executivo por parte do BNG, impida que se poida debater no Congreso unha iniciativa que foi aprobada por unanimidade no Parlamento de Galicia”, conclúe Delgado.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario