Besteiro esíxelle a Rueda un plan de auga serio para Galicia: “Confiar en que chova non é unha política de abastecemento”

O lider do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, esixe dende Baiona un plan global contra a seca a Rueda e critica a inacción da Xunta ante os 91 concellos en alerta

O secretario xeral do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, esixiulle este luns ao Goberno de Alfonso Rueda unha planificación seria e urxente da auga en Galicia. Dende o encoro de Baíña —en Baiona, unha vila que tras semanas de restricións tivo que recorrer a Vigo para garantir o subministro á veciñanza—, o líder socialista advertiu de que «o único que parece non entender que hai un problema real de abastecemento é o Goberno do Partido Popular».

Besteiro puxo os datos sobre a mesa: actualmente hai 91 concellos afectados na demarcación Galicia-Costa, de xestión directa da Xunta. Deles, 32 están en alerta por escaseza severa e 59 en prealerta. «O subsistema de Baiona atópase en alerta dende o 11 de agosto e a única resposta do PP é dicir que xa choverá ou culpar aos concellos. Esperar pola chuvia non é unha política de abastecemento», denunciou.

Impacto do cambio climático e perdas no sector agrario

O líder do PSdeG subliñou que a seca deixou de ser unha excepción tras os episodios vividos en 2017, 2022 e 2025. Nesta liña, advertiu do impacto do cambio climático na economía galega, sinalando que Unións Agrarias xa cifra en máis de 164 millóns de euros as perdas en forraxes no sector lácteo, onde a alimentación do gando supón o 60 % dos custos.

As propostas do PSdeG fronte á emerxencia hídrica:

  • Plan global de captación e distribución: Unha estratexia conxunta para todo o país —e non concello a concello— que cubra os usos domésticos, industriais, turísticos e agrogandeiros, prevendo o incremento de poboación no litoral durante o verán.
  • Reinvestimento do canon da auga: Reclámase que polo menos o 50 % do recadado pola Xunta a través deste imposto se destine directamente aos concellos e áreas metropolitanas para renovar as redes de subministro que sofren fugas.
  • Anticipación institucional: Unha xestión responsable que se adapte á nova realidade de maior demanda e menores recursos hídricos.

Durante a súa visita a Baiona, Besteiro estivo acompañado por membros da executiva local socialista, o candidato do PSdeG á Alcaldía, Carlos Gómez, e o deputado no Parlamento de Galicia, Carlos López Font.

Comparte éste artículo
No hay comentarios