Bos Aires e Montevideo conmemoran o 80 aniversario do Consello de Galiza (Primeiro Goberno Galego no Exilio). Por Xosé Edrosa Leal

Presidente do Ateneo Galeguista-Terra Cha

 Varias entidades representativas da colectividade galega en Bos Aires e Montevideo están a celebrar estes días varios actos e actividades co  gallo do oitenta aniversario da constitución do Consello de Galiza (Montevideo, 15/11/1944-Bos Aires, 8/12/1944) e, nomeadamente, o reñecemento de Castelao como o seu primeiro presidente. Estes colectivos, entre os que se atopa o PARTIDO GALEGUISTA (PG), representado polo seu secretario xeral, Francisco López “Chesqui”, que se desprazou a Bos Aires para participar nesta efeméride, teñen convocados dous actos de clausura para mañá día 6. Estes colectivos teñen unha fonda raigame histórica da nosa emigración, entre as que figuraron moitas vítimas do desterro a América, mantendo sempre un perenne compromiso afectivo coa nosa matria común, Galiza, na que teñen fondamente aterrados os seus reigaños.

Estas entidades convocantes, son:

 Centro Galego de Bos Aires, Centro Galicia de Bos Aires, Federación de Asociacións Galegas da Rep. Arxentina, Patronato da Cultura Galega de Montevideo, Instituto Arxentino-Galego Santiago Apóstol de Bos Aires, Fundación Xeito Novo da Cultura Galega, A.B.C. de Corcubión, Centro Betanzos de Bos Aires, Centro Cultural da Estrada, Hogar Gallego para Ancianos de Bos Aires, Fundación Castelao, Fundación Alexandre Bóveda, Fundación Galicia-América

Actos.

Ás 13.00 hs., no Campo Santo CHACARITA, o secretario xeral do PG  fará unha ofrenda floral dos galegos e galegas falecidos na emigración e no exilio.

Ás 18.00 hs. no Centro Galego (Av  Belgrano 2199), celebrarase o segundo e derradeiro acto de clausura no que actuará como mantedor  José María Vila Alén, presidente do Centro Galicia  de Bos Aires, e no que intervirán Ramón Suárez, presidente do Centro Galego; Carlos Brandeiro, director xeral do Colexio Arxentino-Galego Santiago Apóstol de Bos Aires; Representante da Casal Catalán de Bos Aires; Arantxa Arritua (Euskadi), vicepresidenta da Federación Vasca de Arxentina; Carlos Ameijeiras, delegado por Arxentina para as Comunidades Galegas; e Francisco López “Chesqui”, secretario xeral do PARTIDO GALEGUISTA.

Esta efeméride enmárcase como continuidade do devandito acto institucional celebrado o pasado 15 de novembro no Parlamento Galego, polo que se recoñece a Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao como primeiro presidente do Consello de Galiza, iniciativa do PG e outras entidades da emigración alén mar, sendo a cidade do Bos Aires a máis acaída para este evento, pois non debemos esquecer que alí foi a derradeira morada do noso guieiro ata o seu pasamento, e alí descansou na Chacarita ata que en 1984 os seus restos voltaron á súa matria onde repousa no Panteón de Galegos Ilustres de San Domingos de Bonaval da capital de Galiza; unha cidade a que  moitas galegas e galegos consideraban a quinta provincia de Galiza; e tamén moitos galeguistas alcumaron como a Galiza ideal, pois alí aínda se podía soñar, cousa imposible no fogar de Breogán daquela longa noite de pedra.

Deste acto de clausura cómpre salientar a representación das nacionalidades irmás   (definición constitucional aínda sen desenvolver) de Catalunya e Euskadi, unha presencia que nos fai lembrar aquela Galeusca que apreixou os mellores anceios e esperanzas compartidas dos nosos respectivos pobos, que aínda seguen loitando por moitos dos obxectivos expresados naquela alianza. Unha alianza necesaria para acadar os meirandes niveis e progreso e benestar, onde a liberdade e a paz social non sexan un lugar de confrontación, senón de encontro.

Nestes días de exaltación da figura de Castelao, alguén dixo en referencia ao acto do día 15 de novembro no Pazo do Hórreo que o autor de “Sempre en Galiza” foi  quen de unir a todos os grupos políticos con representación na cámara galega. Unha observación moi respectabel, mais coido que excesivamente optimista para estes tempos de polarización e desencontro. É certo que a liturxia empregada polos catro grupos con representación parlamentar prestouse a esa interpretación, pois mesmo que nas exequias fúnebres que ninguén fala mal do difunto, e alí cada quen foi falar do seu para quedar ben. Outra cousa sería falar do partillar das leiras do causante ou mesmo do seu legado ideolóxico para poñelo a producir, iso xa sería outra cousa.

O acto de celebración do oitenta aniversario da fundación do Consello de Galiza e do recoñecemento de Castelao como o seu primeiro presidente, un xesto xeneroso e de xustiza dos seus promotores, un logro que os honra. Mais dende a perspectiva  exclusivamente institucional, cómpre considerar que despois de oitenta anos, este feito convértese nun acto serodio e, por outra banda, obvio, por tratarse dunha realidade fáctica e recoñecida pola propia historia.

Malia ao dito, tamén cómpre considerar que aínda queda moita loita por diante para facer efectivo o recoñecemento pleno da figura sobranceira de Castelao e o seu proxecto político. Para conquerir este obxetivo, resulta oportuno tomar nota dun dos pedimentos expresados no mágnífico discurso de Manuel X. Suárez García, presidente do PG, pronunciado no citado acto, no que propón unha necesaria reforma do noso Estatuto de Autonomía, feito que posibilitaría unir estatutariamente o tracto sucesivo do Consello de Galiza coa lexitimidade institucional que conforma o noso autogoberno. Un feito que tén moito que ver co pleno recoñecemento dos nosos dereitos históricos,  máis invocados que  recoñecidos constitucionalmente.

Que estes actos, xunto cos nosos irmáns de América, sexan o preludio dun novo tempo, no que incen os ideais  e os valores legados polos nosos devanceiros, pois, se cadra, os tempos son chegados para que o PARTIDO GALEGUISTA entre na escena política galega da que nunca debeu estar ausente. Este,  sí sería o meirande recoñecemento a Castelao e a tantos outros que sacrificaron as súas vidas por aqueles ideais e o seu amor á  súa terra, un amor e memoria dos que hoxe están dando testemuña no emblemático Centro Galego de Bos Aires, herdo daqueles compatriotas galegos templados na forxa do desterro.

Saúde e terra!

Comparte éste artículo
No hay comentarios