O prazo de presentación de solicitudes estará aberto entre o 16 de decembro deste ano e o 16 de xaneiro de 2025.
O BOP publicou hoxe a convocatoria do programa FOIO0B/2025 da Deputación da Coruña, de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para o investimento en políticas de xénero no ano 2025. A institución provincial repartirá 150 000 euros, cun máximo de 28 000 € por beneficiario.
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto desde ás 8 horas do vindeiro 16 de decembro ata as 14 horas do 16 de xaneiro de 2025, e a tramitación deberá realizarse por vía telemática a través da plataforma SUBTEL, accesible dende a sede electrónica da Deputación.
As entidades poderán destinar o investimento a programas de loita contra a violencia de xénero e a programas de promoción da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, “alicerces das políticas do noso traballo en Igualdade da Deputación”, sinalou a titular do departamento, Sol Agra. “Con esta liña de axudas”, engadiu, podemos apoiar proxectos a prol do apoderamento e a participación social, do fomento da igualdade de xénero e do emprego en igualdade de oportunidades, e da conciliación e as posibilidades compartidas”.
Para Agra, a liña de axudas tamén lles permitirá ás entidades “traballar na prevención, sensibilización e identificación da violencia de xénero, o mesmo que no tratamento integral das persoas en situación de violencia de xénero”.
As bases da convocatoria poden consultarse e descargarse no BOP do 10 de decembro de 2024.