Os de Carballo, rivais directos, buscarán alcanzar os betanceiros na clasificación.
Ávila, Círculo Xixón, Chantada… Malia os satisfactorios resultados (2 vitorias e 1 derrota) esa non era a liga do Ineltrón Santo Domingo Betanzos, 10o clasificado do Grupo AB da Tercera FEB (antiga liga EBA) cun parcial de 3-7 e -93 puntos no ratio Favor/Contra. Porén, o partido desta fin de semana, na que os de Doc volven competir na casa, si se trata dun partido contra un rival directo. O Calvo Basket Xiria ocupa o 12o posto do Grupo con 2 vitorias e 8 derrotas e un saldo de -76, o que demostra a dificultade -por igualado- do encontro. Cun equipo con predominio da xente nova, o equipo carballés, dirixido por Héctor Méndez, conta cun “veterano” ben coñecido na categoría, o á-pibote Rubén Rey, que suma 10 temporadas na mesma, e con varios xogadores que, en virtude da vinculación co Leyma Coruña, teñen ou tiveron minutos co equipo da cidade herculina coma Valentín Carrizo, Santiago Martínez Granda ou o 4, con pasado tamén no Joventut ou no Hospitalet, o mozo Omar Thiam Pedrera (máximo anotador e reboteador do equipo con 16,6 ppp e 6,4 rbb). Así ve Antonio Díaz “Doc” un partido de tanta transcendencia: “Esperamos un partido intenso e de ritmo alto, xa que eles teñen xogadores moi móbiles cun xogo moi dinámico. Varios xogadores están en dinámica de adestramentos co Leyma, polo que teñen moita calidade e proxección. Non podemos relaxarnos e hai que estarao 100%, xa que vimos de 3 rivais moi esixentes onde sacamos 2 vitorias, e non debemos caer no erro da clasificación e pensar que é un rival asequible. Todos os equipos desta liga son fortes e cada vez
hai máis igualdade”.
A cita, o domingo 22 ás 17h no Carregal.
Fase Final de Ascenso a Primeira División para o Grelo cadete masculino
Polo que toca ao resto dos equipos do club, nunha fin de semana na que moitas categorías iniciaron o descanso de Nadal, destaca a axenda do Grelo Santo Domingo Betanzos Cadete Masculino. Os de Will Pereiro e Sergio Gómez acoden dende o venres a Marín para disputar a Fase de Ascenso a Primeira División, logo de quedar primeiros entre os 26 equipos que disputaron a Fase de Inverno na Delegación da Coruña. Os rivais serán Rosalía de Castro (venres 17h), Club Baloncesto Costa Ártabra (sábado 12h) e Seis do Nadal (domingo 10h). Dos catro, dous arrancarán en xaneiro en Liga Galega.
Outra cita importante é a do Warnier Informática infantil feminino, que o domingo espera un dos cruzamentos da Fase Final da Coruña-Ferrol fronte ao gañador do partido Santa María do Mar-Compañía de María no que pode supor a súa clasificación para a Fase de Ascenso a 1a División.