Quen o coñecemos é noutra faceta totalmente distinta, a todo longo e ancho do campo, con xogadores moitas veces de máis idade que a súa, xa curtidos en mil batallas futboleiras. Quizais por iso, Juni buscou un cambio de rumbo, unha experiencia da que tamén el aprender, mergullado nese universo miúdo no que non sabe desenvolverse calquera, onde o carácter e a firmeza son primordiais, pero tamén a capacidade de saber motivar e xestionar un tropel de cativos que soñan en redondo.
Así, Juni deixaba atrás unha última etapa no Coristanco sénior bastante prolongada, con varias tempadas competindo na Liga da Costa, unha voráxine para a que hai que estar preparado mentalmente, pois á fin no fútbol afeccionado competir é sempre unha aventura pola escaseza de efectivos, de colaboradores, de materiais… Cada domingo supón ver como a convocatoria ás veces non hai nin que facela, é simple matemática: van os que están dispoñibles.

Neste Alevín A da Escola Luis Calvo que capitanea agora, atopou novos retos e un xeito de adestrar completamente distinto que xa dá os seus froitos, pois ocupan a primeira posición a cinco puntos do segundo. Cando se trata de nenos, o obxectivo non son os títulos, senón a formación e o ensino, unha sabedoría que Juni ten a esgalla, polo que non sorprenden os resultados do seu equipo. Home paciente pero inconformista, sempre á procura de mellorar e co fútbol habitando nun corazón tan grande coma o máis grande dos estadios. Porque no seu mundo miúdo todo é, en realidade, moi grande.