A Feira do Viño volve ao Rosal do 17 ao 19 de xullo

A Praza do Calvario acollerá a XXXIV edición desta celebración.

O Rosal quenta motores para unha nova edición da súa feira máis emblemática. A Feira do Viño do Rosal celebra a súa XXXIV edición do 17 ao 19 de xullo na Praza do Calvario, convertendo este espazo nun punto de encontro entre adegas, veciñanza e visitantes. Durante tres días, o corazón do municipio transformarase nun escaparate privilexiado dos caldos da Denominación de Orixe Rías Baixas, acompañado dunha programación que mestura cultura, música e produtos locais.

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, salientou que esta cita “é moito máis que unha feira, é a celebración dunha forma de vida ligada á terra, ao traballo das nosas adegas e á identidade colectiva dun pobo que sabe recoñecer o valor do que produce”. A rexedora engadouademais que “cada edición é unha oportunidade para seguir fortalecendo o sector vitivinícola e, ao mesmo tempo, ofrecer un espazo de encontro e desfrute para toda a veciñanza e para quen nos visita”.

Co viño como fío condutor, a feira reafírmase como unha das citas imprescindibles do verán no Baixo Miño, un evento no que tradición e presente brindan xuntas polo futuro dun territorio que segue a facer da súa identidade o seu mellor viño.

Comparte éste artículo
No hay comentarios