Os socialistas presentan un documento alternativo que destapa as manipulacións do PP para agochar os contratos públicos e favoritismos

O Grupo Parlamentario Socialista denunciou hoxe o que considera un intento do Partido Popular de «sepultar a verdade e protexer aos seus intereses» no marco da Comisión de Investigación sobre a contratación pública da Administración autonómica. Os socialistas rexistraron esta semana  un documento de conclusións alternativo ao informe elaborado polo PP, que cualificaron de «inxustificable e insuficiente», e que será sometido este venres a debate parlamentario.

A viceportavoz do Grupo Socialista, Elena Espinosa, criticou o comportamento do Partido Popular ao longo da Comisión, acusándoo de manipular as normas de funcionamento, vetar comparecencias clave e bloquear o acceso á documentación relevante:  “Non imos quedar cruzados de brazos mentres o PP intenta aprobar un texto inaceptable que busca dar carpetazo a un escándalo de proporcións maiúsculas. Isto non é política, isto é encubrimento».

Empresas beneficiadas e contratos sospeitosos

Entre as irregularidades destacadas no documento socialista figuran casos graves de contratación que revelan un patrón sistemático de favoritismo. O PSdeG subliña a presenza de empresas como Eulen, que facturou 54 millóns de euros coa Xunta nos últimos anos, mentres colocaba como directora rexional a irmá de Alberto Núñez Feijóo. Así mesmo, a empresa Konecta, vinculada ao cuñado do expresidente Feijóo, obtivo contratos millonarios, como a xestión de servizos de rastrexo durante a pandemia que foron amplamente criticados pola súa ineficiencia.

Espinosa tamén destacou outros exemplos alarmantes: Gallaecia Patentes y Marcas, con 272 contratos menores sen licitación por valor de case 800.000 euros; ou Allwork Vestuario Laboral, que pasou de facturar 182 euros coa Xunta a case 150.000 euros tras a entrada dun socio vinculado ao PP. «Estes casos non son coincidencias, son probas dunha corrupción sistémica que debe ser investigada con toda a rigorosidade», subliñou a viceportavoz socialista.

Defectos de forma e fondo

O PSdeG denuncia que a Comisión foi convertida nun «paripé político» grazas ás manobras do PP, que evitou unha investigación real. «Estamos ante unha burda manipulación das formas e un intento desesperado de agochar o fondo. A negativa a convocar comparecencias clave, como a de Alfonso Rueda ou outros implicados, e o veto sistemático á documentación relevante, demostran que non teñen interese en esclarecer a verdade», afirmou a deputada.

En relación ao contrato do Hospital Álvaro Cunqueiro, os socialistas destacaron o sobrecusto de 470 millóns de euros derivado das decisións políticas do Goberno Feijóo, que optou por un modelo de colaboración público-privada opaco e ineficiente. «Non só fixeron un hospital máis caro, tamén máis pequeno e menos dotado. Este escándalo non pode quedar impune porque afecta directamente aos galegos e galegas», asegurou Espinosa.

Os socialistas son claros na súa postura insistindo en que se o Parlamento non reconsidera abrir de novo a investigación, sen vetos nin censuras, non pechan a porta a levalo caso a instancias xudiciais: «Non permitiremos que esta trama de corrupción quede sen resposta. A cidadanía galega merece un goberno que actúe con transparencia”.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios