Carme da Silva chama en Cambados a protagonizar unha «mobilización histórica» o 29-N para que Galiza teña peso propio nas Cortes

A cabeza de lista do BNG ao Congreso pola provincia de Pontevedra, Carme da Silva, apelou este xoves á veciñanza de Cambados a protagonizar este domingo 29 de novembro unha mobilización masiva e «encher as urnas de votos BNG» para que Galiza deixe de estar discriminada e poida inclinar a balanza política en Madrid a favor dos intereses do país.

Nun mitin celebrado na sala Pitusa da localidade arousá, no que estivo acompañada polo candidato ao Senado Duarte Correa e polo portavoz municipal e candidato á Alcaldía, Liso González, Da Silva advertiu de que o peso político do país nas Cortes dependerá directamente dos escanos que logre a formación nacionalista: «Tanto tes, tanto vales». Neste sentido, reivindicou o Bloque como «o equipo da casa», unha forza sen dependencias das direccións estatais que ofrece políticas transformadoras en materia de salarios, pensións, acceso á vivenda e servizos públicos. «Cada escano máis do BNG é un escano menos do PP e un escano para que Galiza deixe de estar discriminada», recalcou.

Defensa da ría de Arousa, das mariscadoras e rescate da AP-9

En clave comarcal e galega, a candidata nacionalista situou como prioridades para a vindeira lexislatura:

  • Protección da ría de Arousa: O rexeitamento frontal a que a ría se converta nun vertedoiro industrial e a defensa do marisqueo tradicional.
  • Dereitos laborais das mariscadoras: A esixencia ao Executivo central de cumprir o compromiso de eximir este colectivo do pagamento das cotas á Seguridade Social durante os períodos de inactividade forzosa, mantendo ese tempo como cotizado.
  • Infraestruturas e autogoberno: O traspaso das competencias de Costas, o rescate e gratuidade da autoestrada AP-9 e a mellora dos servizos ferroviarios e marítimos.

Da Silva advertiu de que o BNG non aceptará que o marisqueo tradicional acabe reducido a «unha sección dun museo etnográfico ou un parque temático» mentres o marisco galego desaparece das lonxas e o importado ocupa os supermercados. «En Madrid queren comer marisco galego, pero abandonan coas súas decisións ás mulleres que cada día deixan o lombo para manter o seu traballo», denunciou, reclamando maior representación nas Cortes para defender o sector.

Na recta final da campaña, a candidata pediu á militancia e aos simpatizantes converterse en transmisores directos da mensaxe nacionalista: «Pedímosvos que sexades o noso algoritmo, que faledes cos veciños e veciñas para tinguir as urnas de BNG este domingo e facer que Galiza sexa respectada».

Comparte éste artículo
No hay comentarios