Na espiral do opérculo é un repaso a unha década de poesía, un exercicio de resistencia e honestidade cun pouso ecléctico, como cabería agardar dun inventario destas características. Mais que isto non confunda a quen teña a ben achegarse ó libro, xa que o ramallete de versos está solidamente cinguido co adival da coherencia.
A familia, a nostalxia, a perda, pero sobre todo o amor (propio e alleo), representado aquí de moi diversas maneiras, é o eixo sobre o que orbita o monllo de poemas que conforman o libro.
Recolle este compendio unha sorte de composicións nunca antes publicadas en volume único, co aliciente de que a maioría delas obtiveron diferentes consideracións en certames celebrados por todo o país. Ó seu carón aparecen outros poemas publicados en antoloxías colectivas, así como tamén os versos de «Enxeñería efémera», ese conxunto de trece pezas visuais creadas para o seu desfrute na rede, e a inclusión, xa por último, dunha dupla de poemas inédito.
É polo tanto este libro unha inmellorable ocasión de ter nun só volume toda esa poesía que moitos poetas van deixando ciscada ó longo dos anos e que rara vez consegue ver a luz.
Falamos, no caso que nos ocupa, do período que abarca dende o ano 2014 ata o 2024, e que cristaliza agora nunha recompilación editada por Medulia Editorial, e que conta para a capa cunha fermosa ilustración orixinal de Manuel González Barro (MANO), que dota a obra dun valor engadido.
A edición inclúe, asemade, unha serie de fotografías realizadas polo propio autor.
Pódese conseguir o libro, así como pórse en contacto con Ramón Sánchez, en @ramonsv75 nas redes sociais.