A Sede de A Madriña (Rúa Churruca, 12, entrechan, Vigo) acollerá entre o 8 e o 15 de febreiro de 2025 a exposición «En nome do pai: xenealoxía dun éxodo» que recolle, como se do limiar dun libro se tratase, a investigación sobre o exilio republicano en Francia, tomando como punto de partida persoal o traballo de Loli Miloro, investigadora viguesa, quen iniciou esta procura na búsqueda do seu pai e da súa familia, exiliados en Francia en 1939. A exposición achega un relato profundo sobre La Retirada e as duras condicións dos españois que se viron obrigados a cruzar a fronteira, fuxindo da represión franquista.
A mostra, que se inaugurará o sábado 8 de febreiro ás 20:00 h, recolle testemuños, documentos históricos, material fotográfico e obxectos de época sobre os campos de concentración en Francia, as dificultades da poboación refuxiada e a resistencia dos exiliados durante a Segunda Guerra Mundial. A traxectoria da familia Miloro funciona como fío condutor gráfico para entender o impacto persoal e colectivo deste episodio da Historia.
A investigación de Loli Miloro recolle datos esenciais sobre a chegada dos exiliados a Francia, os campos de internamento como Argelès-sur-Mer, Rivesaltes ou Bram, e o proceso de dispersión e supervivencia en distintas rexións do país.
A exposición inclúe materiais extraídos de arquivos franceses e españois, ademais de artigos xornalísticos da época, que reflicten tanto a solidariedade como a hostilidade coa que foron recibidos os exiliados españois en Francia. Tamén se amosan documentos que ilustran as restricións impostas polo goberno francés, as duras esixencias burocráticas e de control social, a separación forzada de familias e as condicións de vida nos centros de acollida.
A mostra busca non só recuperar a memoria dos exiliados españois, senón tamén amosar uns episodios que, lonxe de estar perdidos no tempo, estamos de novo a vivir nun mundo de hoxe, de éxodos, refuxiados e exiliados. A historia de Loli Miloro e a súa familia é, ao mesmo tempo, unha historia persoal e colectiva, unha fiestra para entender un dos episodios máis dramáticos do século XX.
EXPOSICIÓN EN VIGO
Título: «En nome do pai: xenealoxía dun éxodo»
Lugar: A Sede de A Madriña (Rúa Churruca, 12, entrechan, Vigo)
Datas: 8 ao 15 de febreiro de 2025, de 19:30 a 21:00 h.