A veciñanza da parroquia de Treos (Vimianzo) unida contra o parque eólico Patiñeiro

A veciñanza da parroquia de Treos reuniuse este pasado domingo, tras a misa dominical,  para informarse sobre o parque eólico Patiñeiro, proxectado no concello de Vimianzo.

A autorización administrativa previa e de construción deste parque foi publicada en setembro do 2024, mais parte dos seus veciños e das veciñas non eran coñecedores deste proxecto que situaría tres muíños no núcleo mesmo da parroquia.

O parque eólico instalaríase nun corredor ecolóxico entre a costa e o encoro da Fervenza, cunha importante avifauna ameazada e aves migratorias; e atoparíase  nunha zona de alta densidade de individuos de lobo. Os habitantes desta parroquia están preocupados, sobre todo, polo impacto das instalacións eólicas sobre os recursos hídricos; xa que, a fonte de San Miguel, a fonte da Zamarreda ou a Devesa de Treos, que abastecen varios lugares, poderían chegar a desaparecer polo que quedarían sen auga. E, ademais, a distancia dos aeroxeradores (de 200 m de altura) a algunhas poboacións é inferior a 550 metros o que produce malestar na veciñanza. 

Está proxectado nunha área con importante densidade de xacementos arqueolóxicos como son o dolmen de Pedra Cuberta, a Pedra da Moura e a Pedra da Lebre, todos eles considerados “Ben de Interese Cultural (BIC).  Por isto mesmo, a veciñanza non entende como, por unha banda, os poderes políticos promocionan os restos megalíticos e, por outra,  favorecen a súa destrución. 

A asociación ecoloxista Adega incluíu este parque na campaña “Ti podes paralos!”  que ten por obxectivo recadar fondos para emprender accións xurídicas e recorrer no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia a autorización do PE Patñeiro.

A meta desta campaña é xuntar uns 8000 euros, repartidos en 2 fases. A primeira fase remata en 11 días e precísase chegar aos 4000 euros. A través desta campaña, Adega conseguiu anular ou paralizar cautelarmente uns 33 parques eólicos, entre eles, o Monte da Croa (en Castrelo). 

As persoas asistentes, descontentas por estas noticias, mostraron interese por participar nas doazóns e facer o posible por conseguir o obxectivo. Piden axuda e informan de que as doazóns desgravan un 80% o que, finalmente, non supón un esforzo económico elevado.

Comparte éste artículo
No hay comentarios