O PSdeG redobra a súa ofensiva contra o machismo e propón medidas máis duras para previr o acoso

O PSdeG celebrou onte na súa sede nacional unha reunión de traballo convocada por Lara Méndez e Silvia Fraga, na que participaron mulleres do Grupo de Igualdade do PSdeG-PSOE. No encontro aprobouse un manifesto que recolle a necesidade de fortalecer as garantías internas, reforzar os procedementos de actuación e consolidar espazos seguros para que calquera muller poida denunciar situacións de acoso ou comportamentos machistas dentro da organización.

O documento, que será remitido aos órganos competentes do partido, aposta por mellorar a transparencia dos procedementos, asegurar prazos claros, activar medidas cautelares proporcionadas e garantir acompañamento psicolóxico e xurídico ás mulleres que poidan verse afectadas. As participantes insistiron na importancia de manter estruturas internas sólidas, operativas e dotadas de recursos suficientes para actuar con axilidade en todos os casos.

Insistiron tamén no apoio a todas a mulleres que sexan vítimas de comportamentos machistas “dentro e fora do noso partido”, e afirmaron “que os feitos coñecidos non son incidentes illados, senón a expresión de dinámicas de poder profundamente enraizadas na cultura patriarcal”.

Trala aprobación do manifesto, Lara Méndez subliñou o compromiso político do PSdeG insistindo en que “somos o partido que máis avanzou na defensa da igualdade neste país. Todos os grandes pasos adiante deron comezo con gobernos socialistas, porque nós entendemos que a igualdade non se defende só con discursos, senón con feitos, normas claras e decisións valentes. Por iso reforzamos os nosos mecanismos internos e por iso tamén pedimos ao resto de partidos que fagan o mesmo.”

A dirixente socialista lembrou, ademais, que o PSOE foi pioneiro en habilitar un canal antiacoso interno, operativo e verificable, e convidou a todas as organizacións políticas a adoptar ferramentas similares para garantir protección efectiva e contornas libres de violencia.

Para pechar o encontro, as mulleres participantes insistiron na importancia de que o manifesto se converta nun documento útil e vivo, e que o traballo que recolle sirva para seguir avanzando nun partido máis seguro para as mulleres e máis igualitario.

MANIFESTO GRUPO DE IGUALDADE PSdeG-PSOE

O machismo segue a operar como un sistema estrutural que condiciona todas as dimensións da vida colectiva: institucionais, sociais, económicas e tamén políticas. As organizacións políticas non están fóra desta realidade e o PSOE, como forza comprometida coa igualdade e coa democracia, tampouco pode considerarse inmune ás lóxicas patriarcais que persisten e se reproducen cando non se desafían con decisión. Por iso, desde unha posición feminista clara, traballaremos para seguir dotándonos de mecanismos reais de transformación que garantan unha igualdade plena, efectiva e verificable, que aliñen os discursos coa práctica dos principios socialistas e feministas.

As mulleres do PSdeG-PSOE manifestamos o noso apoio a todas a mulleres que sexan vítimas de comportamentos machistas dentro e fora do noso partido, afirmamos que os feitos coñecidos non son incidentes illados, senón a expresión de dinámicas de poder profundamente enraizadas na cultura patriarcal. Cando estas dinámicas non se afrontan con contundencia, remátase protexendo ao agresor, desamparando as vítimas e poñendo en risco a credibilidade dun proxecto que sempre fixo da igualdade un piar democrático fundamental. Polo tanto aplicaremos a coherencia, firmeza e responsabilidade política que se espera do noso Partido como sempre se ten feito.

Por todo o exposto, propoñemos a adopción das seguintes medidas:

1. Cumprir con total rigor os compromisos adquiridos no Comité Federal de xullo, activando de inmediato todos os procedementos internos diante de calquera expresión de violencia machista no seo do PSOE.

2. Impulsar iniciativas lexislativas que establezan que todos os partidos políticos se deben dotar das ferramentas necesarias para protexer as vítimas e posibilitar a denuncia interna de comportamentos machistas dentro dos seus partidos políticos.

3. Garantir a máxima transparencia e información accesible para a militancia, adoptando decisións consecuentes que reforcen a posición inequívoca do PSOE contra a violencia estrutural que sufrimos as mulleres.

3. Asegurar garantías procesuais sólidas en todos os procedementos internos de defensa da igualdade, incluíndo:

  • independencia e especialización das comisións instrutoras,
  • prazos claros e non dilatorios,
  • medidas cautelares proporcionadas e efectivas para a protección das vítimas,
  • dereito das denunciantes a ser informadas de cada fase do proceso.

4. Escoitar, acompañar e reparar ás vítimas, establecendo canles seguras de comunicación, equipos especializados que garantan apoio psicolóxico e xurídico, e medidas efectivas de reparación do dano causado, tanto a nivel persoal como organizativo.

5. Expresar unha desculpa pública ás vítimas e ao conxunto das mulleres, por parte dos órganos competentes, como acto de responsabilidade institucional e recoñecemento do sufrimento causado.

6. Implantar de maneira integral e transversal a perspectiva feminista en toda a estrutura orgánica, reforzando a avaliación e seguimento dos protocolos contra o acoso sexual, garantindo a súa aplicación efectiva e establecendo consecuencias proporcionais e inequívocas ante o seu incumprimento.

7. Establecer formación obrigatoria, periódica e certificada en igualdade, violencia machista e cultura democrática para toda a militancia e, especialmente, para cadros orgánicos e cargos públicos, incluíndo:

  • formación xurídica básica en materia de violencia de xénero,
  • formación en detección de sinais de risco e acompañamento,
  • formación específica en prevención de dinámicas patriarcais e abusos de poder.

8. Recuperar o Consello Asesor de Igualdade do PSOE como un sistema reforzado de auditoría interna feminista, independente e con presenza de expertas externas, que avalíe anualmente:

  • cumprimento dos protocolos,
  • a eficacia dos procedementos,
  • grao de implantación da perspectiva feminista na vida interna do partido,
  • as melloras necesarias para evitar a repetición de malas prácticas.

9. Pór en marcha un Observatorio de Condutas e Boas Prácticas en Igualdade, que recolla datos, elabore informes e propoña actualizacións normativas para garantir unha organización segura e respectuosa para todas as mulleres. 10. Impulsar a visibilización de referentes de masculinidade positiva dentro do partido, favorecendo a implicación activa dos compañeiros socialistas, para seguir contribuíndo a que condutas patriarcais que están normalizadas na sociedade e que tamén afectan ao noso partido, sexan detectadas, condenadas e rexeitadas por toda a militancia socialista

Comparte éste artículo
No hay comentarios