Luz verde aos Orzamentos da Coruña

As contas presentadas polo Goberno de Inés Rey, de 379 millóns de euros, contemplan un incremento do 4,5% no investimento en materia social

O pleno rexeitou hoxe a cuestión de confianza plantexada polo Goberno municipal, unha medida que permitiría a aprobación definitiva dos Orzamentos Municipais 2025 e a súa automática entrada en vigor na primeira semana de abril de non presentarse unha alternativa.

O escenario que se abre agora é un prazo de trinta días durante o cal os grupos municipais do PP e o BNG poderán plantexar unha moción de censura. En caso de que non sexa así, as contas presentadas polo Goberno municipal de cara a este exercicio, de 379 millóns de euros —catro máis que no ano anterior—, serán aprobadas. O propio BNG rexeitou a posibilidade desa moción de censura, o que suporá a automática aprobación das contas máis elevadas coas contará o Concello.

Na súa intervención desta mañá no pleno, a alcaldesa, Inés Rey, instou á Corporación municipal a traballar “con luces longas”. “A nosa obriga é a de seguir avanzando, manter a comunión cunha cidade que está vivindo a súa segunda gran modernización, de novo cun goberno progresista á fronte”, expuxo.

A rexedora lembrou que os Orzamentos Municipais 2025 inclúen partidas fundamentais para dar continuidade a intervencións clave no futuro da cidade, como a rehabilitación da Terraza, que acollerá a sede definitiva da AESIA, o desenvolvemento do proxecto Coruña Marítima —concibido para integrar os peiraos na paisaxe urbana da urbe— e a redacción do plan de remodelación do estadio municipal de Riazor, tamén as achegas municipais a actuacións en clave interadministrativa, como as obras da estación intermodal, o Novo CHUAC e a construción do novo centro de saúde, centro cívico e mercado en Santa Lucía.

Comparte éste artículo
No hay comentarios