A na Pontón reivindica o «orgullo galego» ante o 17 de maio: «A cidadanía sente a lingua como o seu maior tesouro»

A portavoz nacional, Ana Pontón, puxo en valor en vésperas da celebración do Día das Letras Galegas o próximo 17 de maio o orgullo polo galego que sente maioritariamente a cidadanía, logo dunha charla-café na Coruña con persoas moi diversas que decidiron facer a súa vida na lingua galega.

No encontro -no que tamén participaron a candidata á Alcaldía, Avia Veira, e a portavoz parlamentaria de Lingua e Cultura, Mercedes Queixas- compartiron a súa experiencia coa líder do BNG neofalantes, persoas que teñen o galego como lingua materna e habitual, outras que viñeron de fóra e abrazaron o idioma ou creadores e creadoras de contido en redes sociais.

“A conclusión que temos nesta conversa é que, neste País, hai unha inmensa maioría que, fale o que fale, quere a lingua galega, quere que o idioma teña futuro e entende que Galiza vai a ser mellor se somos capaces de manter o noso idioma”, explicou Pontón, quen tamén salientou a vantaxe que supón a lingua no mundo, tal e como exemplificou na experiencia dunha creadora de contido a quen o galego lle abriu portas, tal e como tamén se pode observar, afondou, no ámbito cultural e musical. 

Pontón advertiu da “situación de emerxencia lingüística”

Mais a pesar desta pulsión, Pontón advertiu da “situación de emerxencia lingüística” na que se atopa a lingua galega, tal e como evidencian os últimos informes tanto do Consello da Cultura Galega como da Real Academia. “Coñecemos hai dous anos unhas cifras que lle puñan datos a unha realidade que xa coñecíamos e que, sobre todo entre as xeracións máis novas, facían saltar todas as alarmas”, recordou.

Unha situación de emerxencia lingüística que non é froito nin da casualidade nin dunha libre decisión, alegou, senón á que se chega “despois de anos e anos de políticas de acoso á lingua por parte do Goberno do Partido Popular”.

Neste sentido, recordou que o propio presidente da Xunta, Alfonso Rueda, empezou a súa carreira política poñéndose detrás da pancarta nunha infame manifestación en contra do galego, seguiu apoiando todas as medidas en contra do idioma e mesmo nestes últimos anos votou en contra de que se poida falar galego nas Cortes do Estado.

“Non sei se alguén se imaxina ao presidente de Euskadi votando en contra do vasco ou ao presidente de Cataluña votando en contra do catalán, é difícil de imaxinar, pero aquí temos a Rueda votando en contra do galego, enviando unha mensaxe moi negativa e demoledora á sociedade”, reflexionou.

A líder do BNG denunciou que o que, na práctica, está facendo o Executivo de Rueda é levar adiante un deseño para impoñer un monolingüísmo en castelán, dado que o seu repetido plurilingüísmo “non é máis que un timo”. “Non hai máis galego nin máis inglés, o único que avanza é o monolingüísmo en castelán e iso significa un empobrecemento na nosa sociedade”, recalcou.

Se o PP tivera interese en defender a lingua, analizou, “non estaría mantendo un decreto que a está colocando na peor situación da historia”, nin racharía o acordo que había no Plan Xeral de Normalización Lingüística (PXNL) e estaría aplicando as medidas que estaban acordadas entre todas as forzas políticas. “Se o Partido Popular estivera a favor do galego, non votaría en contra de que se poida utilizar en todas as institucións como está facendo”, sintetizou.

O PP estalle negando o dereito e a liberdade aos nenos e nenas de falar en galego

A portavoz nacional advertiu que, con todo isto, o PP estalle negando o dereito e a liberdade aos nenos e nenas de falar en galego, polo que considerou necesario “un cambio de rumbo moi urxente” que permita garantir o dereito ao galego e a igualdade para a lingua propia.

“Onde está a liberdade para o galego? Onde está o 50% de galego no cine? Onde está o 50% de galego nos xornais ou na radio? Onde está o 50% do galego no ensino ou na sanidade pública?”, cuestionou, para concluír a continuación que o que o PP quere é converter o idioma nunha lingua residual. “Está traballando nesa dirección e nós, ao igual que a inmensa maioría dos galegos e das galegas, o que queremos é que a nosa lingua teña futuro, porque é a nosa e porque nos fai estar no mundo con voz propia”, remarcou. 

Precisamente por ese amor á lingua, puxo sobre a mesa as propostas do BNG para sacar ao galego da grave situación na que se atopa, a comezar por triplicar as axudas de apoio e promoción ao idioma, que a día de hoxe está en mínimos históricos, e por suprimir un “decreto da vergoña” que “está supoñendo unha total desgaleguización do sistema educativo” e que provoca que “os nenos e nenas que entran pola porta da escola falando galego saian sen facelo”, para consensuar un novo decreto para o ensino.

Así mesmo, pediu ao Executivo que cumpra o gran acordo que xa hai en materia de lingua, o Plan de Xeral de Normalización Lingüística, que recolle medidas a implantar en todos e cada un dos ámbitos e que o único que precisa é “vontade política” para levalas a cabo. Por último, avogou por actualizar a Lei de Normalización Lingüística, dado que tras 40 anos de vixencia cómpre adaptala á realidade social, cultural, económica e tecnolóxica de hoxe en día.

“Sei que a maioría dos galegos e das galegas, falen o que falen, están orgullosos de ter unha lingua propia que non queren perder, por moito que se empeñen o Goberno de Rueda e o Partido Popular”, alegou. 

Queremos Galego

Por iso, Pontón animou a encher as rúas participando na manifestación que organiza a plataforma Queremos Galego o domingo 17 de maio en Santiago de Compostela con motivo do Día das Letras Galegas.

“É un día para amosarlle ao mundo o orgullo de ter unha lingua propia, para reivindicar que en galego temos futuro e tamén para reclamarlle ao Goberno galego un cambio de rumbo que poña fin a 17 anos de acoso e derribo á lingua común de Galiza, que é a que máis nos une a todos e a todas”, concluíu.

Comparte éste artículo
No hay comentarios