Os focenses Ana Pena e David Val organizan este domingo 23 unha visita novidosa no municipio de Foz
A mañá comezará cun paseo guiado polo río Centiño da man da guía turística Ana Pena (Guía tu día) no que se falará de historia, fauna e flora. Deseguido visitarase as Casiñas A Comarca, un poblado Hobbit feito a man polo seu ártifice David Val. «Vivín toda a miña vida no campo e iso permitiume coñecerme ben. Sempre me guiei polo meu instinto e iso levoume por camiños singulares, como dar a volta ao mundo en bicicleta en solitario, escribir un libro contándoo ou agora emprender a creación dun poblado Hobbit».
«O lugar é unha marabilla, todo está feito a man e con moito mimo, empregando diversos materiais naturais e recuperando oficios. Un punto de encontro de oficios e saberes de proximidade que está na súa fase final de construción», comenta Ana.
David e Ana convidan a participar nesta xornada que xa ten as prazas cubertas para o turno de mañá «Debido á gran acollida que tivo esta actividade, cubríndose xa todas as prazas, decidimos abrir unha quenda de tarde ás 16:00h, polo que todo aquel que esté interesado pode facer a súa reserva no 654 99 68 57».
O prezo da ruta son 12€ e inclúe ao final da mesma unha degustación de diversos produtos de proximidade.