A Deputada Marisol Morandeira reflexionou este xoves sobre este desafío na apertura da xornadatécnica 50 anos de coñecemento e prevención de incendios forestais en España, organizada polo Campus Terra e o Goberno de España a través do MITECO.
A Deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira Morandeira, participou este xoves na inauguración da xornada técnica co título 50 anos de coñecemento e prevención de incendios forestais en España, organizada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO), coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela.
Marisol Morandeira destacou durante a apertura da xornada, que se desenvolverá ao longo da mañá naEscola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra, “a necesidade de implementar unha xestión sostible en Galicia para facer fronte ao crecemento do desafío dos lumes forestais na comunidade galega, unha das zonas máis afectadas en España”. Asegurou que “o abandono de terras e as parcelas de titularidade difusa incrementan os riscos, polo que urxe a adopción de políticas que fomenten o aproveitamento forestal ordenado e condenen socialmente a actividade incendiaria”.
“A prevención debe ir máis aló das intencións, é fundamental realizar accións concretas, como proporcionar financiamento estable aos concellos rurais para a limpeza de montes, incentivar a silvicultura preventiva e o pastoreo extensivo, e poñer en marcha medidas efectivas contra os incendiarios a través da educación e sancións”. Neste senso, concluíu Morandeira facendo un chamamento ás administracións “para mellorar a planificación e o cumprimento dos prazos no PLADIGA, que debería entrar en vigor antes do verán para garantir a prevención de incendios ao longo de todo o ano”.
A xornada reunirá a expertos do sector forestal e de emerxencias e ten como obxectivo reflexionar sobre as mellores prácticas na prevención de lumes forestais e a educación ambiental, ademais de conmemorar os avances acadados nos últimos 50 anos.