Rubén Arroxo e Iria Buide reúnense coa directiva e a ANPA do colexio Fingoi II para a inminente posta en marcha do comedor escolar no centro

O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, e a concelleira de Educación e Difusión do Coñecemento, Iria Buide, mantiveron un encontro coa directiva e representantes da ANPA do colexio Fingoi II e da empresa responsábel do servizo de comedores escolares para explicar o procedemento de posta en marcha do servizo de comedor escolar, unha vez que a Xunta habilite os espazos. Buide anunciou que nos vindeiros días se abrirá o prazo de matrícula «para facilitar que se cubra o mínimo de prazas para poder prestar o servizo canto antes, e poder comezar a dalo desde o momento no que a instalación estea dispoñible»

A Tenencia de Alcaldía seguirá o mesmo sistema que no resto de centros, habilitando o servizo para usuarios fixos (3,96€) e esporádicos (5,06€). Unha vez pechado o prazo de solicitude de praza, e no caso de que as solicitudes de inscripción sexan maiores que a capacidade total do comedor, tódalas solicitudes recibidas serán baremadas para a admisión no servizo, tendo preferencia de entrada, seguindo a orde habitual no resto de centros:
1º – Solicitude de usuario fixo 5 días semanais
2º – Ambos proxenitores traballan en horario de comedor
3º – Familias monoparentais
4º – Irmáns
5º – Sorteo
Todas as solicitudes entregadas que non obtiveran praza, quedarán en lista de agarda ata que se produza unha vacante no servizo e irán entrando en orde seguindo os criterios anteriores.

A edil de Educación deu conta do comezo de curso nos comedores escolares, «un servizo que, malia ser responsabilidade da Xunta de Galiza, prestamos desde o Concello», explicou. Nos primeiros meses de curso, a media diaria foi de 927 nenos e nenas no servizo de comedor, e 378 no servizo de madrugadoras e madrugadores, que este ano se comezou a prestar tamén no CEIP Nadela «chegando xa a todos os centros», dixo Buide.

Buide lembrou que os comedores escolares supoñen un custo anual de máis de medio millón de euros, e a reclamou unha vez máis «que a Xunta se faga cargo das súas competencias». A concelleira afirmou que «non deixaremos que ningunha nena ou neno de Lugo quede sen comedor escolar aínda que a Xunta non cumpre co seu traballo».

Comparte éste artículo
No hay comentarios