Anunciado o gañador do Certame Literario de Novela Infantil Jaime Olmedo Limeses

O Certame Literario de Novela Infantil Jaime Olmedo Limeses, promovido por Avigal en colaboración con Antela Editorial, xa ten gañador. Nesta primeira edición do premio, á que se presentaron 39 novelas infantís, o 
xurado escolleu a obra «Pernascochas», do autor Ramón Domínguez Veiga, destacando a súa calidade e orixinalidade.

Dirixida a obra a un público infantil de entre 6 e 12 anos, o certame nace co obxectivo de fomentar a literatura infantil en galego e apoiar novos talentos. A obra gañadora será publicada por Antela Editorial e distribuída na semana das Letras Galegas. Ademais, Avigal agasallará 1.500 exemplares da novela, contribuíndo así á promoción da lectura en galego entre os máis novos.

Unha novela que conquistou ao xurado

«Pernascochas» é unha obra que conta a historia de Marcelina, unha nena peculiar. Marcelina proponlle a Martiño tres retos para que este poida conseguir a súa amizade: un que a sorprenda, outro que a faga rir e 
outro que a faga chorar como nunca antes chorara. O xurado salientou calidade literaria, orixinalidade, sensibilidade e o uso do humor.

O autor, Ramón D. Veiga, traballa no eido da edición, labor que compaxina coa escrita de textos de literatura infantil e xuvenil. Son da súa autoría obras como «Violeta quere ser vampiro». «Un conto do Samaín», «É tempo de Entroido», «Gloria» ou a serie de banda deseñada «Miñoca».

O xurado destacou a altísima calidade de todos os orixinais propostos

A entrega dos 3000 euros de galardón e a presentación da publicación, terá lugar na semana das letras galegas, nun evento que contará coa presenza de representantes de Avigal, Antela Editorial e o gañador/a do 
mesmo.

Comparte éste artículo
No hay comentarios