O presidente Víctor F. Freixanes acompañará na presentación a catedrática emérita da Universidade de Vigo Camiño Noia Campos, encargada da edición dos textos en lingua galega da primeira muller que foi designada académica de número
A Casa Charry acollerá o vindeiro luns, 16 de decembro (19 horas) a presentación do volume que recolle a obra en galego de Francisca Herrera y Garrido (A Coruña, 1869-1950), a primeira muller que foi designada membro de número da Real Academia Galega. O presidente da institución, Víctor F. Freixanes, acompañará a Camiño Noia Campos, encargada da edición crítica, nun acto coorganizado pola RAG e o Concello de Oleiros no que tamén intervirán o rexedor, Ángel García Seoane, e o sobriño neto da escritora, editor do libro.
«Interésame Herrera porque a considero un exemplo de afouteza e forte personalidade. Malia pertencer á burguesía coruñesa castelanfalante, o que implicaba ser unha incomprendida entre os seus, decide ser escritora galega», salienta a catedrática emérita da Universidade de Vigo no limiar.
Camiño Noia analiza en Francisca Herrera y Garrido. Obra en galego o conxunto da obra galega da protagonista do Día das Letras Galegas de 1987, estreitamente vinculada ao concello oleirense, onde pasou longas tempadas. A filóloga recuperara en 1981 a súa figura para a literatura galega como a primeira narradora do século XX coa reedición da novela Néveda (1920). Catro décadas despois, sae do prelo esta completa contribución na que, a iniciativa de José Leoncio Areal, a profesora asumiu a edición de todos os seus textos literarios en lingua galega, que abranguen, xunto a Néveda, outras publicacións de narrativa e poesía, así como varios inéditos.
O volume inclúe tamén unha completa biografía de Herrera y Garrido. Designada académica de número en 1945, faleceu antes de dar lectura ao discurso de ingreso na institución, dedicado a Rosalía de Castro.