O PP de Lugo denuncia que PSOE e BNG non poñen data á licitación da residencia de Becerreá nin aclaran por que o prezo para os usuarios será un 60% máis caro que o resto da rede da Deputación

Antonio Ameijide preguntou directamente en varias ocasións “cando teñen pensando sacar a licitación a xestión do servizo da residencia de Becerreá” e a realidade é que “tanto socialistas como nacionalistas non foron capaces de falar nin unha soa frase sobre a apertura e saída a licitación deste centro de atención a maiores nunha nova mostra de que o que hoxe aprobaron en pleno é unha patada cara adiante, facer que fan e non facer nada”.

O voceiro popular pregunta “por que PSOE e BNG insisten en crear na provincia veciños de primeira e veciños de segunda” xa que segundo se establece na memoria os usuarios da residencia de Becerreá pagarán un 60% máis ao mes que os usuarios das residencias de Navia ou Pedrafita xa que un veciño dependente na rede de CAMs da Deputación actualmente paga 1.390€/mes mentres que en Becerreá, segundo a proposta que PSOE e BNG trouxeron a pleno, pagará2.200€/mes polo mesmo servizo.

Dende o Grupo Provincial Popular tamén denuncian que dende o goberno de PSOE e BNG non souberon responder a como controlarán o servizo que se prestará na residencia, unha licitación que, segundo a memoria presentada, “se dará a unha empresa privada baixo un sistema de xestión privada con canon 0” pero que prevé beneficios anuais netos para a empresa entre 220.000 e 357.000 euros e un volume total de negocio de 77.829.639,16€.

Antonio Ameijide afirma que “o expediente que hoxe aprobaron PSOE e BNG certifica que o seu modelo de centros de atención a maiores é un modelo fracasado” así como que “tanto socialista como nacionalistas por fin quitaron a careta xa que o seu modelo é un modelo 100% privatizador xa que queren entregar un edificio construído con fondos de todos os lucenses a unha empresa para que privatice 96 prazas de residencia e 40 de centro de maiores”.

Os deputados populares esixen a PSOE e BNG que pidan desculpas públicas “polas súas reiteradas mentiras” en relación á residencia de Becerreá, poñendo como exemplo que “sempre defenderon que tiñan os cartos suficientes para equipar este edificio pero na memoria que hoxe aprobaron establecen que será a empresa que xestione a residencia a que terá que investir 1.394.343,29€ para dotar de mobiliario, cociña e lavandería, cortinaxe e obras necesarias a realizar no exterior”.

O contrato que pretenden sacar adiante PSOE e BNG ten unha duración prevista de 25 anos, baixo un canon 0, cuns beneficios calculados para a empresa concesionaria de entre 220.000 e 357.000€/mes. Rendibilidade do 10,8%.

Antonio Ameijide denuncia que “hai un ano que o señor Tomé acusaba a persoas do Partido Popular, que xa non se poden defender, duns supostos pelotazos urbanísticos que nunca existiron, pero o que si que queda claro, na memoria que hoxe aprobaron PSOE e BNG, é que o señor Tomé está apadriñando un pelotazo residencial”.

Os deputados populares afirman que “seguiremos apoiando as reclamacións dos veciños de Becerreá e da comarca” ata acadar a apertura da residencia e “tras aprobar esta memoria, PSOE e BNG xa non teñen máis escusas, aprobaron o modelo que quixeron polo que non poden dilatar a posta en servizo deste centro de atención a maiores”.

Antonio Ameijide insiste en que “PSOE e BNG teñen a obriga de poñer data ao inicio da licitación, algo que se dilatan no tempo quedará claro que o que hoxe aprobaron é unha broma de mal gusto para os veciños da comarca e para as 116 persoas desta zona da provincia que están nas listas de agarda”.



Comparte éste artículo
No hay comentarios