Importante partido do Ineltrón Santo Domingo contra Universidad de Oviedo

O equipo asturiano visita O Carregal o domingo ás 17h.

Importante encontro o que lle espera ao Ineltrón Santo Domingo Betanzos esta domingo perante Universidad de Oviedo. Xunto á necesidade de sumar canto antes unha nova vitoria para manter a distancia cos postos de descenso a Primeira Nacional, os de Doc buscarán o desquite cun equipo que na primeira volta venceu
na prórroga logo de anotar unha tripla no último segundo do tempo regulamentario.

O conxunto ovetense ocupa a quinta posición do Grupo AB da Tercera Feb (antes Liga EBA) con 11 partidos gañados e 8 partidos e cun roster novo e dinámico (practicamente Sub-22, a excepción do vello coñecido Raul Quirós, que xa debutou na categoría co Baloncesto Villa de Mieres na temporada 2014-2015. No ámbito anotador destacan o pivote de Mali Djiguy Diarra (2.07m.) e Jorge Arias, formado no Liberbank Oviedo, aínda que o perigo do equipo provén do seu xogo coral.

Así valora o partido Antonio Díaz “Doc”, o adestrador dos betanceiros: “Agardo un partido aberto, con moito ritmo por parte de ambos os dous lados. Será clave conter a súa produción exterior e limitar o dano que poida facer Diarra dende o xogo interior. O noso nivel defensivo debe subir para termos opcións de levar o encontro”.

O partido celebrarase o domingo 9 no pavillón do Carregal (futuro pavillón José María Iglesias Valeiro) en horario de costume, 17h, e contará coa arbitraxe de Iván Escariz Torres e Adrián Pérez Martínez, colexiados galego e asturiano respectivamente.

Volta da canteira tras as festas do Entroido

Por outra parte, a fin de semana do 8-9 de marzo trae consigo o regreso da competición tras a parada do Entroido en varias categorías. As cadete do Decornaveira, os cadete Rojo, os infantís de La Piccola e os sénior de Segunda Autonómica -estes fronte ao Rosalía o domingo ás 19:15h- xogan na casa, mentres que a meirande parte dos equipos do club xogan fóra: o Grelo cadete masculino en Culleredo, as infantís de Warnier Informática en Arteixo, os júnior na Coruña e o J.Caamaño Arquitecto en Ferrol o domingo ás 12h, contra un rival directo: Basket School. Os equipos das escolas xogan no Agra e na Sagrada Familia e La Goleta, o equipo de Terceira, na Coruña contra CB Moneyball. As sénior feminino de Grelo visitan Castro Ribeira de Lea.

Comparte éste artículo
No hay comentarios