Ameijide: “Esiximos a PSOE e BNG responsabilidade na xestión dos fondos públicos, non poden destinar cartos para poñer calefacción no campo de fútbol de Pol mentres o alcalde non paga as aportacións da residencia de maiores”

A Deputación de Lugo vén de reter 41.876,25€ dun convenio con Concello de Pol ante os impagos acumulados por este Concello, que ascenden a 157.858,71€, en concepto dos gastos que a entidade municipal ten que asumir da xestión da residencia de maiores, dos anos 2022 e 2023, e da achega que hai anos que tiña que realizar respecto á construción deste centro da terceira idade.

 “José Tomé non pode subvencionar dende a Deputación que o alcalde de Pol poña calefacción nas gradas do campo de fútbol mentres non paga as aportacións da residencia de maiores, é inmoral”.

Así de contundente se amosa o voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, sobre “as prioridades” de PSOE e BNG tras coñecer que a Deputación de Lugo retivo 41.876,25€ (dun convenio para actuacións nas gradas do campo de fútbol e polideportivo municipal) tras ver como o Concello de Pol non cumpriu coas súas obrigas e debe 157.858,71€.

A débeda do Concello de Pol coa Deputación de Lugo vén derivada de varios incumprimentos ao non achegar á institución provincial:

– 55.225,46€ da aportación do Concello de Pol ao convenio de xestión compartida do centro de maiores do municipio, anualidade 2022

– 73.274,54€ da aportación do Concello de Pol ao convenio de xestión compartida do centro de maiores do municipio, anualidade 2023

– 29.358,71€ da aportación do Concello de Pol á construción do centro de maiores do municipio

Antonio Ameijide explica que “está claro que a Deputación non confía en que o Concello de Pol ingrese o que lle deben, polo que recorren a unha compensación de débeda, incautándolle os cartos, para garantir que cobran o que debe o alcalde de Pol”.

Ante esta situación, o voceiro popular insiste en que “levamos moito tempo esixindo un trato igualitario para todos os veciños da provincia e, sobre todo, un uso adecuado e responsable dos fondos públicos de todos os veciños da provincia, non pode ser que haxa cartos sen fin para os amiguetes que, á vista dos feitos, teñen prioridades cando menos cuestionables”.

Neste caso, “a realidade é que o Concello de Pol é un dos municipios máis beneficiados polos convenios a dedo que asina José Tomé” e “para que? para facer un uso totalmente irresponsable dos cartos”.

Antonio Ameijide afirma que “é lamentable” que o alcalde de Pol “dea prioridade a poñer calefacción nas gradas dun campo de fútbol aberto en lugar de pagar as facturas da residencia da terceira idade do municipio”. “A realidade é que José Tomé, o PSOE e o BNG teñen que dicir publicamente que lles parece que un dos alcaldes máis beneficiados polos convenios que destinan a dedo abandone aos maiores do seu municipio mentres pon calefacción nas gradas do campo de fútbol”, afirmou.

O voceiro popular insiste na necesidade de que PSOE e BNG “empreguen os cartos de todos os lucenses con responsabilidade”. “Non se pode permitir que derrochen millóns de € en convenios cos seus amiguetes, con prioridades dificilmente xustificables como poñer calefacción nas gradas dun campo de fútbol mentres non se pagan as aportacións para o funcionamento da residencia de maiores”, sentenciou.

Pola súa banda, a voceira do PP en Pol, Nicole Grueira, tamén se amosou moi crítica coas decisións que está a tomar o alcalde nos últimos meses. “Non se pode permitir que o alcalde gaste miles de euros en mercar edificios que logo se abandonan e caen ou en seguir derrochando cartos sen control en todo tipo de ocorrencias mentres as pistas e camiños municipais están sen arranxar, non se pagan as aportacións da residencia da terceira idade ou os servizos básicos que necesitan todos os veciños non están cubertos”, lamentou.

Comparte éste artículo
No hay comentarios