A Deputación de Lugo vén de reter 41.876,25€ dun convenio con Concello de Pol ante os impagos acumulados por este Concello, que ascenden a 157.858,71€, en concepto dos gastos que a entidade municipal ten que asumir da xestión da residencia de maiores, dos anos 2022 e 2023, e da achega que hai anos que tiña que realizar respecto á construción deste centro da terceira idade.
“José Tomé non pode subvencionar dende a Deputación que o alcalde de Pol poña calefacción nas gradas do campo de fútbol mentres non paga as aportacións da residencia de maiores, é inmoral”.
Así de contundente se amosa o voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, sobre “as prioridades” de PSOE e BNG tras coñecer que a Deputación de Lugo retivo 41.876,25€ (dun convenio para actuacións nas gradas do campo de fútbol e polideportivo municipal) tras ver como o Concello de Pol non cumpriu coas súas obrigas e debe 157.858,71€.
A débeda do Concello de Pol coa Deputación de Lugo vén derivada de varios incumprimentos ao non achegar á institución provincial:
– 55.225,46€ da aportación do Concello de Pol ao convenio de xestión compartida do centro de maiores do municipio, anualidade 2022
– 73.274,54€ da aportación do Concello de Pol ao convenio de xestión compartida do centro de maiores do municipio, anualidade 2023
– 29.358,71€ da aportación do Concello de Pol á construción do centro de maiores do municipio
Antonio Ameijide explica que “está claro que a Deputación non confía en que o Concello de Pol ingrese o que lle deben, polo que recorren a unha compensación de débeda, incautándolle os cartos, para garantir que cobran o que debe o alcalde de Pol”.
Ante esta situación, o voceiro popular insiste en que “levamos moito tempo esixindo un trato igualitario para todos os veciños da provincia e, sobre todo, un uso adecuado e responsable dos fondos públicos de todos os veciños da provincia, non pode ser que haxa cartos sen fin para os amiguetes que, á vista dos feitos, teñen prioridades cando menos cuestionables”.
Neste caso, “a realidade é que o Concello de Pol é un dos municipios máis beneficiados polos convenios a dedo que asina José Tomé” e “para que? para facer un uso totalmente irresponsable dos cartos”.
Antonio Ameijide afirma que “é lamentable” que o alcalde de Pol “dea prioridade a poñer calefacción nas gradas dun campo de fútbol aberto en lugar de pagar as facturas da residencia da terceira idade do municipio”. “A realidade é que José Tomé, o PSOE e o BNG teñen que dicir publicamente que lles parece que un dos alcaldes máis beneficiados polos convenios que destinan a dedo abandone aos maiores do seu municipio mentres pon calefacción nas gradas do campo de fútbol”, afirmou.
O voceiro popular insiste na necesidade de que PSOE e BNG “empreguen os cartos de todos os lucenses con responsabilidade”. “Non se pode permitir que derrochen millóns de € en convenios cos seus amiguetes, con prioridades dificilmente xustificables como poñer calefacción nas gradas dun campo de fútbol mentres non se pagan as aportacións para o funcionamento da residencia de maiores”, sentenciou.
Pola súa banda, a voceira do PP en Pol, Nicole Grueira, tamén se amosou moi crítica coas decisións que está a tomar o alcalde nos últimos meses. “Non se pode permitir que o alcalde gaste miles de euros en mercar edificios que logo se abandonan e caen ou en seguir derrochando cartos sen control en todo tipo de ocorrencias mentres as pistas e camiños municipais están sen arranxar, non se pagan as aportacións da residencia da terceira idade ou os servizos básicos que necesitan todos os veciños non están cubertos”, lamentou.