Os socialistas arteixáns insisten na súa petición de políticas de vivenda “ante un goberno local que deixa todo na man do mercado”
O grupo municipal socialista ven de denunciar a ausencia de medidas municipais para paliar o problema da vivienda en Arteixo e demanda un Plan de Vivenda Municipal, ao tempo que acusa ao goberno local de rexeitar a importancia da escaseza de vivienda no concello.
O portavoz socialista, Martín Seco, sinala que o grupo municipal de PSOE leva dous anos presentando iniciativas en pleno para poñer de manifesto “un dos problemas máis importantes que ten a nosa ciudadanía”, o acceso a unha vivenda digna de compra ou aluguer a uns prezos razoables, pero que todas foron rexeitadas polo grupo de goberno do PP, “que deixa todo en mans do mercado inmobiliario mentres os prezos dos alugueres e compra segue crecendo ata límites inasumibles para a ciudadanía”.
Seco indica que o grupo de goberno afirma “que non existe ese problema” cando “resulta case imposible atopar algo decente por menos de 700 euros de renta, hai moi pouca oferta de compra, e a existente está a uns prezos desorbitados que resultan imposibles de abordar”.
“No pleno pasado preguntamos se o concello tiña algunha vivenda en propiedade para dar asistencia en casos de desafiuzamentos ou de temas sensibles como o da violencia de xénero e atopámonos cun goberno local que ademais de carecer destas vivendas, mostra un desleixo impropio de quen se autodenomina modelo en políticas sociais”
Ademais o concelleiro socialista indica que no municipio existen un gran número de vivendas baleiras (3918, segundo o INE de 2021, o 22,2% do parque inmobiliario), cun uso ineficiente do espazo urbano e prácticas contrarias á función social da propiedade, cun parque inmobiliario infrautilizado e con problemas derivados do progresivo deterioro físico ou a inadecuación funcional das vivendas.
Pero a pesar da existencia desa vivenda baleira, explica Seco, “os prezos dos alugueres son moi elevados para as familias con menos capacidade adquisitiva e a xente moza, así como para a nova vivenda, co agravante de que en Arteixo non hai ningún tipo de iniciativa de vivenda social pública ou privada e ningún tipo de programa de alugueiro social por parte do concello”. Ademais en 2018 o goberno local declaraba que en Arteixo non existían solicitantes de vivenda protexida e reducía do 30% ao 10% a reserva de solo para a construción de vivienda social “e ata pretendía reducila ata o 5%”, aínda que agora a Xunta de Galicia quere levar a cabo a construción de mais de 150 vivendas sociais na Penouqueira, un lugar desestimado a principios de século pola súa dificultade orográfica.
Seco insiste en que “a vivenda xa é un un factor de exclusión e segregación social que non podemos permitir” polo que se precisan medidas para que deixe de ser unha mercadoría e se converta nun dereito social tal como proclama o artigo 47 da Constitución.