Referentes internacionais debaterán en Vigo sobre as tensións xeopolíticas e as súas repercusións nos dereitos humanos

As palestras ofrecerán unha visión crítica sobre os conflitos xeopolíticos actuais, explorando os seus efectos e as respostas dende a mobilización social e o cambio político.​

Os días 19, 20, 21 e 22 de marzo de 2025 terán lugar as xornadas «Mundo en crise: guerra xeopolítica e loitas sociais» en Vigo (Café de Catro a Catro). Esta iniciativa de ECOAR))) pretende analizar a crecente inestabilidade global, os conflitos en curso e o papel dos movementos sociais e das organizacións internacionais fronte a estas ameazas.

A finalidade destas xornadas é proporcionar un entendemento máis profundo da dinámica do sistema-mundo e explorar as estratexias viables para enfrontarse aos desafíos actuais. Analizaranse o poder das potencias emerxentes, a crise da gobernanza internacional e o papel das empresas transnacionais na explotación de recursos e pobos. Ademais, exporanse formas de mobilización e resposta fronte ás crises globais.

As xornadas, que forman parte do proxecto Ágora-R, incluirán oito palestras, nas que se abordarán temas clave como o impacto das políticas neoliberais, os dereitos das persoas refuxiadas climáticas, o papel dos medios de comunicación na xeopolítica e as resistencias fronte ao poder corporativo e militarista.

«Mundo en crise: guerra xeopolítica e loitas sociais», nun contexto de crise climática, económica e política, abrirá un espazo para analizar as dinámicas actuais e fornecer ferramentas á cidadanía para comprender e responder de maneira organizada e efectiva ante a escalada de conflitos globais.

Relatores e relatoras confirmadas:

  • Xosé Manuel Beiras, economista e referente político galego, analizará a decrepitude do Estado do benestar e o poder transnacional na era das ETN.
  • Fayez Badawi, activista palestino, expoñerá a resistencia palestina e a solidariedade internacional nun contexto de xenocidio.
  • Miguel Urbán, eurodeputado e activista, abordará o avance da extrema dereita global e a destrución da gobernanza internacional.
  • Aurora Moreno Alcojor, xornalista especializada en consumo e medio ambiente, tratará a emerxencia climática e o impacto das cadeas de produción global nos dereitos humanos.
  • Queralt Castillo Cerezuela, xornalista, falará sobre os desprazamentos forzados por razóns climáticas e a falta de recoñecemento legal para as persoas refuxiadas climáticas.
  • Eduardo Giordano, xornalista arxentino, analizará o saqueo de recursos naturais e o papel do imperialismo en América Latina e Europa.
  • Manu Levin, analista político e comunicador, tratará o papel dos medios de comunicación na xeopolítica e a construción da opinión pública global.
  • Alberto Quian Pampín, investigador e experto en ética hacker, explicará como a tecnoloxía e a cultura hacker poden servir de ferramenta para a loita social.

Sobre Ágora-R

Ágora-R é un proxecto de debate e análise impulsado por ECOAR))), que busca abrir un espazo de reflexión crítica e construción colectiva, onde a cidadanía poida adquirir ferramentas para comprender e transformar a realidade global. Recuperando o concepto clásico de ágora, esta iniciativa pretende ser un punto de encontro entre pensamento crítico e acción social, facendo fronte aos desafíos do presente e do futuro.

???? Datas: 19, 20, 21 e 22 de marzo de 2025

???? Lugar: Café De Catro a Catro (Vigo)

???? Máis informaciónhttps://agora-r.ecoarglobal.org/

Comparte éste artículo
No hay comentarios