As traídas de auga afectadas pola vertedura da cidade deportiva convocan concentración diante da sede do Celta

por Redacción Vigo

A plataforma A auga é vida, conformada polas as traídas de auga afectadas polo proxecto comercial do Celta (Tameiga-Casal, Tameiga-Petelos, Sanguínea, Monte Baxiña e captacións particulares) e a Comunidade de Montes de Tameiga, ven de convocar unha concentración, o sábado 1 de xuño, diante da sede do Celta en Vigo. Con está mobilización queren poñer en valor a auga dos seus mananciais e esixir que se poña fin aos vertidos contaminantes que poñen en perigo a súa potabilidade.

Para a plataforma a alta carga de fecais do vertido da cidade deportiva está poñendo en perigo a saúde de miles de familias que se abastecen dos mananciais ameazados pola contaminación causada polo emisario. Unha análese encargada por Ecoloxistas en Acción que está realizada por un laboratorio autorizado e homologado polo Ministerio. 

A plataforma, que ten solicitada unha reunión coa alcaldesa de Mos, insta ao Concello de Mos a que defenda os mananciais e actúe e obrigue ao Celta a parar este vertido constante e persistente de gran caudal. Sinalan que de momento o Concello en vez de clausurar o vertido, limitouse a anunciar a realización dunha analitica cando para a plataforma está claro que non ten validez algunha calquera análese realizado despois de que o Celta fora alertado pola denuncia feita pública, xa que entenden que cortaran os efluentes de fecais ou calquer outro produto químico para que a mostraxe sexa sobre unha auga limpa. 

A plataforma ten concertada esta semana unha reunión urxente coa Confederación Hidrográfica Miño Sil para solicitarlle a apertura dun expediente de inspección das instalacións deportivas por se hai máis emisarios e de sanción do vertido detectado. Agardan que o organismo de bacia actúe de xeito contundente ante o que consideran un delito ambiental e contra a saúde pública. 

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario