O Sergas actualiza os criterios para que máis pacientes teñan a SPD gratuíta

Rebáixase a idade de acceso aos 70 anos e inclúense excepcións cando a persoa presenta dificultades para cumprir cos tratamentos

O Servizo Galego de Saúde vén de actualizar os criterios do Programa de mellora da adherencia terapéutica a través da preparación e entrega de sistemas personalizados de dosificación de medicamentos en colaboración coas oficinas de farmacia, co obxectivo de ampliar o número de beneficiarios deste sistema de xeito gratuíto.

A partir de agora poderán acceder a este servizo gratuíto nas farmacias todos os pacientes de 70 ou máis anos que teña prescritos un mínimo de 10 medicamentos e que vivan sós ou sen unha rede de apoio sociofamiliar adecuada.

Ademais, engádese un criterio de excepcionalidade para a inclusión de pacientes que teñan menos de 70 anos pero que manifesten especiais problemas para o uso correcto dos medicamentos.

A Consellería de Sanidade puxo en marcha este programa no ano 2023 para pacientes maiores de 75 anos e con 13 ou máis medicamentos prescritos e foi ampliando o número de persoas beneficiarias coa modificación dos criterios de acceso.

Mellora dos resultados en saúde

Os sistemas personalizados de dosificación (SPD) son uns dispositivos dotados cunha serie de compartimentos onde se distribúe a medicación que ten que tomar o paciente durante un tempo determinado. Son elaborados polas oficinas de farmacia despois da dispensación dos medicamentos.

A finalidade é reducir os erros na toma da medicación porque se evitan problemas de manipulación e confusión, facendo así que o uso dos medicamentos sexa máis seguro.

Ao mesmo tempo tamén se facilita o labor da persoa coidadora do paciente en canto á adquisición e administración do tratamento.

En Galicia 88.235 pacientes teñen 10 ou máis prescricións crónicas.

“Axudámosche coa túa medicación” é o lema deste programa estratéxico para a Consellería de Sanidade ao que están adheridas máis de 500 oficinas de farmacia.

Comparte éste artículo
No hay comentarios