O manifesto desta edición é de Ana Rodríguez, integrante de Leilía, Unha vintena de artistas galegas espallaran as súas historias por Galicia, Madrid e Guipúscoa nesta gran festa da narración oral
Un ano máis, Sete Falares, o Colectivo Narración Oral Galega (NOGA) e o Festival Atlántica xúntanse para celebrar o 20 de marzo o Día Internacional da Narración Oral. Nesta ocasión, o pregón, que fai unha chiscadela ao Día das Letras Galegas, foi escrito por Ana Rodríguez de Leilía.
Coa chegada da primavera, os contos, como as xoaniñas, voan levando historias a todos os recunchos. Do mesmo xeito, os narradores e narradoras do país buscan, unha vez máis, situar a lingua galega no mapa a coas súas historias. Entre o 20 e o 31 de marzo, recoñecidos artistas como Quico Cadaval, Paula Carballeira, Raquel Queizás, Sole Felloza, Paco Nogueiras, Celso Fernández Sanmartín, María da Pontragha, Cris Collazo, Charo Pita, Caxoto, Ángeles Goás, Vero Rilo, Cris de Caldas, Dani Blanco, Atenea García, Larraitz Urrusola, Marta Ortiz, Carlos Rebolo e Inma Soto percorrerán Galicia, Madrid e Guipúscoa, enchendo auditorios, bibliotecas, escolas, institutos e festivais co poder da narración oral.
Galicia conta cun xeito único de narrar, que se recoñece en calquera lugar onde un galego ou galega conte unha historia. Por este motivo, a comunidade de narradores e narradoras reclama espazos dignos, unha remuneración xusta e o recoñecemento dunha arte ancestral que cada 20 de marzo celebra o seu día grande.
Como ben di a pregoeira deste ano, «manteñamos forte a cadea que flota no ar, conectando xeracións da man dos contos e das cantigas».
A ARTE MÁIS ANTIGA DO MUNDO
A narración oral é unha arte escénica de pequeno formato que está presente en todas as programacións de xeito diario en Galicia. Programacións nas que NOGA insta a ser valorada e recoñecida coma unha arte rica creativa e sólida con capacidade de adaptación a espazos moi diferentes. Por iso levan traballando dende os festivais e NOGA para visibilizar e poñer en valor o seu oficio situando a Galicia e a súa lingua no mapa universal das historias.
No Día Internacional da Narración Oral conmemórase a arte de narrar de viva voz e celébrase cada 20 de marzo, coincidindo co equinoccio de primavera. A festividade tivo a súa orixe en Suecia no ano 1991 e, aos poucos, fóronse engadindo outros países.
Diseño cartel portada: Raquel Boo