Neste ano adicado a Castelao, no que se está a salientar a súa figura sobranceira, o que para nós, os galeguistas, representa o pai e guieiro da patria galega. Mais se cadra, os fillos non sexamos quen de estar á altura do pai, do que quixo e fixo por nós e por este país, GALIZA.
Non é tarefa doada administrar o herdo daqueles homes e mulleres que no ano 1931 puxeron en común os seus anceios, moitos deles procedentes das Irmandades da Fala, e con anterioridade dos Precursores que xa comezaran a sentar as bases teóricas e doutrinais de que outra Galiza mellor era posible, e baixo aquel acervo fundouse o PARTIDO GALEGUISTA. Aquelas siglas que aínda hoxe, grazas a un grupo de galegas e galegos, seguen vivas e sen renunciar endexamais a aqueles postulados na defensa e memoria desta Nazón de Breogán invocada no noso himno. Cómpre, pois, recoñecer a fonda carga simbólica e emocinal que para moitas galegas e galegos, de dentro e de fóra do país, representan estas siglas; mais seguramente, tamén lles evoque un sentimento de señardade e orfandade pola súa ausencia da escena política e institucional de Galiza, feito que nos anima e nos dá folgos para facer realidade aquel compromiso histórico de construir un país mellor e máis xusto para todos e todas. Pois como nos tén dito o noso bardo Eduardo Pondal, “Os tempos son chegados”.
Homenaxe das Irmandades a Castelao en Lugo. Foto. RAG
Sabemos que os tempos mudaron, os problemas e preocupacións da cidadanía galega, tamén. Recuperouse a democracia e creáronse institucións que teñen a súa orixe no pensamento daqueles devanceiros nosos, mais aínda falta moito camiño por percorrer, facendo as transformacións necesarias para que os fei- tos e os froitos sexan unha realidade tanxible. Somos un país rico en recursos e valores endóxenos, tamén con capacidede para poñelos en valor, sen estragar o noso territorio, o seu ecosistema e a súa rica paisaxe, as nosas principais sinais de identidade, que atraen a milleiros de visitantes; tamén é certo e preocupante que o crecemento desigual deste país está a deixar deserto unha grande parte do rural galego, un pasto para o neocolonialismo e a especulación cada vez máis agresiva e irrespetuosa co territorio e as súas xentes, afastándoas do medio que foi soporte principal da nosa economía e da tradición cultural que mellor nos define como pobo diferenciado cos seus propios valores. Dicía o friolense Celestino Fernández de la Vega, parodiando a Ortega y Gaset “ eu son eu e maila miña íntima paisaxe luguesa”. Un sentimento que agroma da espontaneidade xenerosa de tantas mozas e mozos e moita xente máis que hoxe erguen o seu berro de protesta “ALTRI NON“. Un clamor que o Goberno galego e o partido maioritario que o sustenta, non escoitan nin entenden.
Este movemento cívico de protesta, que xurde da conciencia colectiva, que non se resigna ás consignas engaioladoras e sen escrúpulos dos especuladores, son esa vangarda necesaria para calquera país que defende e protexe os seus valores, a saúde e a vida, o interese xeral que nos afecta a todos e a todas. Outrora foi “NUNCA MÁIS“ ante o desastre consumado do “Prestige”, hoxe é a acción preventiva ante o latrocinio que quere acometer “ALTRI”, e que aínda estamos a tempo de evitalo. Por iso, o PARTIDO GALEGUISTA ergue a súa voz, como xa o teñen feito outros irmáns a título individual, e únese á protesta convocada para o vindeiro 22 na Pobra do Caramiñal e, ao tempo, amosamos o máis firme rexeitamento a este tipo de proxectos de desmeurado impacto sobre o territorio e da cidadanía que vive e desenvolve a súa actividade nesa amplísima e rica zona de afectación.
Non é entendible en termos de idoneidade, que na conca alta dun río coma o Ulla se instale unha actividade con altísimos niveis de consumo de auga, impacto e contaminación, espallando os seus efectos a toda unha poboación ata a súa desembocadura na Ría de Arousa, un dos lugares de marisqueo máis prezados pola súa calidade única. E mentres isto sucede, resulta sorprendente ver ao señor Rueda facendo ostentación temeraria, retratándose con profesionais de salientable sona na promoción e defensa dos proxectos máis lesivos para o medio ambiente e a saúde pública.
Tampouco resulta entendible que a señora Candia, lideresa dos populares lucenses, aplauda a declaración negativa do Estudo de Impacto Ambiental para a planta de biometano de Coeses-Lugo, e ao mesmo tempo faga reiteradas manifestacións de apoio e defensa do proxecto de Altri en Palas de Rei. Unha sen razón que só se explica polo feito de que Coeses está nunha zona do concello de Lugo, e que lle afecta directamente á súa cadeira no consistorio e aspiracións futuras. Esquecéndose, ademais doutro detalle: que a declaración de Impacto Ambiental de Coeses viña precedida dun informe negativo e vinculante do organismo de conca (Confederación Hidrográfica Miño-Sil), organismo que non está controlado polo Goberno galego, caso do río Ulla que pertence á conca Galicia-Costa, dependente da Consellería comandada por Ángeles Vázquez. Esa, xunto co rigor técnico da Confederación H. Miño-Sil, é a causa determinante da decisión do organismo ambiental para Coeses, feito flagrante que se esquecen no caso de Altri na Ulloa, en pleno corazón de Galiza e a carón do Camiño de Santiago. Unha vergoña.
Tampouco é comprensible que, malia ás manifestacións cívicas multitudinarias da sociedade civil, o Goberno galego non se teña sentado a dialogar cos seus representantes, un comportamento impropio dun Estado social, democrático e de dereito coma o noso. Mais este depotismo vai moito máis aló incluso, negándolles a capacidade e lexitimidade a alegar a milleiros de cidadáns que exerceron tal dereito, botando polo chan o que a tal efecto dispón o artigo 45 da CE, fundamento que apela á indispensable solidaridade colectiva na defensa e protección do medio ambiente; o Convenio de Aarhus, ratificado polo Reino de España; a correspondente lexislación aplicable da UE e doutrina emanada do Tribunal de Xustiza da Unión Europea, en concreto a doutrina verquida na Sentenza de 25 de xuño de 2024, que versa sobre o asunto C-626/22. Todo elo, sen esquecer a potestade que lles outorga a este tipo de casos a propia lexislación urbanística no exercicio da acción pública en tal materia, unha fronteira de interacción que se cruza entre urbanismo e a protección do medio ambiente; vertentes que a Administración autonómica debería ter en conta antes de rexeitar este ben xurídico superior como é a lexitimidade dos cidadáns, nunha cuestión que afecta ao interese xeral.
Resulta igualmente preocupante a inseguridade xurídica que nos depara o marco lexislativo galego en ámbitos de especial relevancia, no que atinxe á defensa e protección dos espazos e valores merecentes de tal calificación, proba delo son os múltiples contenciosos xudiciais nos distintos ámbitos de Galiza, feito que xenera incertidume e confrontación de intereses e valores, cos seus conseguintes efectos na economía e na paz social. O efecto reflexo de tal situación trae causa na evidente falla de rigor na técnica lexislativa (en numerosas ocasións lexislando pola porta de atrás), invadindo, en moitos casos, esferas que no marco xeral gozan de prevalencia, a calificación de estratéxico do proxecto Altri é, sen dúbida, un bo exemplo delo.
Outra cuestión que chama poderosamente a atención é a externalización en materia de avaliación ambiental, invadindo competencias e incluso suplantación de funcións reservadas de facto e iure a funcionarios habilitados ao obxecto, feito que supón, ademais, un dispendio económico innecesario, reproche que se deduce da recente Sentenza do TSXG pola que anula parcialmente o Decreto da Xunta, de privatización dos procedementos de avaliación ambiental. Unha función esencial para a defensa e protección do medio ambiente que viña sendo exercida con un amplísimo marxe de discrecionalidade e coerción do Goberno a favor dos seus destinatarios de beneficio. Un feito que moi atinadamente e coa fina retranca galega define un veciño de Palas de Rei, referíndose á Declaración de Impacto Ambiental a favor da pasteira “ Era algo esperado porque se se encarga un traxe e se paga, o xastre vai facer un traxe á medida. Non é ningunha sorpresa que a resolución sexa favorable “. Como podemos ver, os veciños de Palas non son como dixeron os de Altri…
Se algún órgano é merecente de gozar de autonomía, independencia e asepsia profesional para o desenrolo da súa función, é, precisamente, o reservado a este altísimo labor de defensa e protección do medio ambiente e dos demais vlores obxecto de protección.
Dixo fai algún tempo Marta Gontá, que no caso de Altri estábase a producir un abuso de poder. Non lle faltou razón a esta dirixente veciñal, pois non hai máis que ver a posicion temeraria e prepotente do Goberno e do partido que o sustenta a favor da pasteira, incluso antes de terse producido informe algún de viabilidade. Pero non só se tén observado un abuso de poder, senón tamén de dereito, que pode ser incluso moito máis grave, xa que baixo o paraugas da lexitimidade democrática e de xeito deliberado, elabórase todo un marco lexislativo no que prevalecen os dereitos para beneficiar a unha parte sen reparar nos perxuízos e danos de todos os demais, no que sempre está presente o interese xeral. A declaración apriorística de proxecto estratéxico de Altri é ilustrativa de tal proceder.
O abuso de dereito, non é, pois, unha apelación retórica, senón unha figura xurídica incorporada no artigo 7 do Código Civil, que di: 1.- Os dereitos deberán exercitarse conforme ás esixencias da boa fe; 2.- A Lei non ampara o abuso de dereito ou o exercicio antisocial do mesmo. Todo acto ou omisión do seu autor, polo seu obxecto ou polas circunstancias en que se realice sobrepase manifestamente os límites normais do exercicio do dereito, con dano a terceiro, dará lugar á correspondente indemnización e á adopción das medidas xudiciais e administrativas que impidan a persistencia no abuso.
Non fai falla facer un grande esforzo para determinar a concorrencia de factores de abuso de dereito que provocaría a proxectada actividade, habida conta dos seus efectos e impactos negativos sobre os nosos recursos naturais, a auga, o aire, os solos, todo o ecosistema e, consecuentemente, a saúde e calidade de vida da poboación afectada, cuestión que sobrepasa os límites normais do exercicio do dereito. Un principio legal que os operadores xurídicos e xurisdicionais deberán ter en conta nas súas consideracións.
E para aquelas e aqueles que só ven o progreso a través de Altri, acusando ao resto de non querelo, dicirlles que non, que están trabucados. Nós tamén queremos o progreso para o noso país, pero doutro xeito. Un novo modelo produtivo para o que se nos ofrece, sen dúbida, unha magnífica oportunidade única cara a calidade, a organización social e a economía, un proxecto de país que integre o desenrolo coa innovación, revalorización das persoas e do medio ambiente. Ante este reto, entendemos que xa é hora do abandono do estatu quo, a improvisación e vellas fórmulas fracasadas, que empobrecen e desintegran o territorio, a paisaxe e as súas xentes, da que nos falou Rosalía, Otero Pedrayo e tantos outros que foron cincelando o noso espíritu, o que somos.
Rematamos esta declaración co pensamento posto nas emocionantes verbas dun veciño do Sexo-A Golada, o que despois de toda a súa vida laboral na emigración no Bilbao dos altos fornos, en contacto cotiá coa polución contaminante que foi estragando os seus pulmóns. Cando chegou a súa xubilación voltou á terra, á súa aldea, a carón do Ulla, na procura dunha vida máis sá para o resto da súa vida. Así o explicaba e así se laiaba da súa sorte, pois cando pensaba que estaba no lugar seguro das súas lembranzas e dos soños, aparece Altri para rematar de estragarlle a súa vida. Non hai dereito!
Sabemos que o señor Rueda non escoitou o clamor deste veciño do Sexo, por iso hoxe erguemos a nosa voz con el, e berramos ALTRI NON!!!