O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, destacou hoxe a colaboración do Goberno galego coa Xunta de Confrarías de Lugo “para impulsar o importante labor que desenvolven na organización da Semana Santa, que ademais de ser unha manifestación relixiosa, artística e cultural, é un evento de interese turístico que contribúe á dinamización económica da cidade”, segundo manifestou.
Arias explicou que a Xunta patrocina tamén o concerto ‘A música tradicional galega nas marchas tradicionais’ que o músico Bruno Villamor ofrecerá o venres 4 de abril, ás 20.30 horas, na Igrexa dos Franciscanos.
Durante a presentación da programación da Semana Santa, o delegado territorial referiuse ademais ao traballo da Xunta de Galicia para conservar o patrimonio monumental relixioso lucense. Lembrou que nos últimos anos restaurouse a Capela da Soidade, “un dos puntos neurálxicos da Semana Santa porque neste templo se custodian algúns dos pasos máis valiosos e queridos, coma é a Virxe da Soidade ou o Cristo Xacente”.
Tamén se actuou na Igrexa de San Pedro, a cuberta da Igrexa do Carme, varias igrexas parroquiais do rural e a propia Catedral, primeiro no Claustro e actualmente coas obras para corrixir os problemas de humidades que afectan á capela dos Ollos Grandes e ás capelas absidiais.