Os populares fan especial fincapé no “trato desigual” dos Concellos gobernados polo PP tanto na “recepción dos alcaldes por parte do presidente Tomé” como no apoio económico xa que “só se poden ver beneficiados das obras e actuacións do Plan Deputación -instrumento obrigatorio por lei e impulsado grazas ao Partido Popular-, pero non reciben ningún apoio máis mentres que os Concellos gobernados por PSOE e BNG reciben convenios a dedo que permiten, practicamente, duplicar a achega que perciben co Plan Deputación que Tomé se nega a aumentar para os Concellos máis pequenos.
Os deputados do Grupo Provincial Popular Antonio Ameijide, Demetrio Salgueiro, Clemente Iglesias e José María Fernández mantiveron unha nova reunión con alcaldes e portavoces da Mariña dando continuidade á rolda de contactos polo territorio para coñecer máis de preto as necesidades de cada Concello e as demandas dos seus veciños e veciñas.
Os populares incidiron, unha vez máis, no “trato discriminatorio do goberno provincial de PSOE e BNG” aos Concellos gobernados polo Partido Popular e os prexuízos que supón para as arcas municipais e, polo tanto, para os veciños e veciñas, que “a Deputación de Lugo non cumpra coas súas competencias como, por exemplo, o apoio aos Concellos en ámbitos como a xestión do ciclo da auga -negouse no último Pleno a colaborar en proxectos supramunicipais como o de Ribadeo e Trabada- ou a recollida de animais abandonados”.
Os deputados do PP lembran que “moitas estradas provinciais continúan agardando melloras moi necesarias” e que o goberno de PSOE e BNG tamén desatende a política industrial ao “manter paralizado o polígono industrial de Riotorto e en condicións pouco atractivas o de Ourol”. E, ademais, advirten do atraso na construción da residencia da Pontenova, das queixas de usuarios e familiares do centro de Trabada onde continúa sen prestarse o servizo de atención diúrna e da falta de avances para abrir a residencia comprometida en Ourol.
Outras das demandas que trasladan alcaldes e portavoces é “unha maior implicación” do goberno provincial no ámbito turístico mellorando accesos e boa imaxe da comarca e no ámbito da prevención e loita contra incendios forestais colaborando cos Concellos e na mellora da xestión dos parques comarcais de bombeiros. Así mesmo, cren que “a entidade provincial debería colaborar tamén na implantación de ferramentas de xestión dos Concellos e contribuír a sufragar este tipo de gastos a tódolos Concellos da provincia”.
COLABORACIÓN COS CONCELLOS DENTRO DO RESPECTO INSTITUCIONAL
Os alcaldes do Partido Popular fan especial fincapé no “trato desigual” con respecto a alcaldes do PSOE e do BNG toda vez que -na maioría dos casos- non foron recibidos polo presidente da institución provincial, o socialista José Tomé, “como correspondería por respecto institucional”.
En canto ao apoio económico, explican que os Concellos gobernados por PSOE e BNG, ademais dos fondos do Plan Deputación que o goberno provincial achega a tódolos Concellos da provincia obrigado por lei, reciben achegas a través de convenios a dedo que, “na maioría dos casos, supoñen duplicar a cantidade que reciben do Plan Deputación, de forma que poden realizar máis obras, prestar servizos ou, incluso, dirixir a festas ou gastos correntes, dúas finalidades que o Plan Deputación non permite.
Así, os veciños e veciñas de Concellos gobernados polo Partido Popular vénse privados de beneficiarse de máis fondos de tódolos lucenses; especialmente tendo en conta que o goberno provincial se nega a incrementar o Plan Deputación que é o único instrumento de reparto obxectivo da institución provincial impulsado grazas ao PP. De feito, “o propio Tomé dixo que non o ía incrementar para os Concellos pequenos durante os catro anos de mandato”.