Enfermería a domicilio: máis de 421.000 atencións a 67.000 galegos en 2024

Gómez Caamaño salienta o valor da enfermería dentro do sistema sanitario actual e avoga pola súa especialización e formación

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, inaugurou esta mañá, no Hospital Lucus Augusti, as XXVIII Xornadas nacionais e XXI internacionais da Escola Universitaria de Enfermería de Lugo, un encontro no que destacou os máis de 421.000 servizos que este persoal sanitario prestou a 67.000 pacientes durante o ano 2024.

O titular da carteira sanitaria da Xunta precisou que o persoal de enfermería representa na actualidade un activo de enorme valor que se debe fortalecer, potenciar e coidar e avogou pola súa formación e especialización.

Nesta liña, remarcou o papel dos profesionais de enfermería no desenvolvemento do Plan Galego de Atención Domiciliaria, que está a reforzar a asistencia sanitaria nas zonas rurais da nosa comunidade.

Acompañado polo delegado territorial de la Xunta en Lugo, Javier Arias;  e polo xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares, Gómez Caamaño salientou que o futuro da sanidade pasa por un peso crecente do papel da enfermería.

Así, lembrou algunhas das medidas que está a levar a cabo o Executivo galego para aumentar os seus cadros de persoal.

Segundo apuntou, na actualidade o Servizo Galego de Saúde conta cunha media diaria de máis de 13.000 profesionais de enfermería, unha cifra que lle permite manterse no rango da ratio nacional de enfermería no eido da atención especializada (3,8 x 1000 habitantes) e superar nun 5,7 a ratio media referida á atención primaria.

O conselleiro de Sanidade lembrou que a última oferta de emprego público do Servizo Galego de Saúde recolle 152 prazas destinadas ás diferentes especialidades de enfermería e que os orzamentos do presente ano prevén a creación dun total de 210 pazas -para cumprir co compromiso de redución de xornada-, e outras 178 prazas de estabilización. 

No peche da súa intervención, Gómez Caamaño incidiu en que o Servizo Galego de Saúde está a traballar nun novo Plan de Ordenación de Recursos Humanos para definir, a curto, medio e longo prazo as necesidades de persoal do sistema sanitario público galego.

”Desde a Xunta apostamos por unha maior especialización, formación e investigación en enfermería”, concluíu o máximo responsable da Sanidade galega.

Comparte éste artículo
No hay comentarios