Onte, na Praza do Souto de Cervo, a asociación Fol do Raxal e Guido Guía presentaron o xa anunciado paseo guiado «Coñecendo Cervo» que terá lugar este sábado 3 de maio por terras cervenses durante a IX Foliada de Cervo. De momento xa son máis de 50 as persoas inscritas.
Quen desexe anotarse pode facelo -gratuítamente- a través do correo electrónico guidoguiaturismo@gmail.com, e a hora e lugar de encontro serán as 11h00 na propia Praza do Souto. Terá unha duración de 3 horas e despois da camiñada os e as asistentes poderán desfrutar da infinidade de actividades coas que contará o evento.
As asociacións Fol do Raxal e Fervenza de Sargadelos, xunto con Marmeladas A Morena, prometen unha nova edición do evento repleta de música tradicional ao vivo, natureza, historia e artesanía. O evento é unha celebración da cultura popular. Así, cómpre destacar que o deseño do cartaz deste ano está adicado ás transmisoras da nosa tradición oral, a quen se lle adican as Letras Galegas este 2025, e é obra do artista Diego Cereijo.
Durante todo o día, máis dunha ducia de grupos animarán os bares e as rúas de Cervo. Como xa é tradición, ao mediodía farase o pasabares pola Taberna de Sargadelos, a Pousada o Almacén e o Caseto de Copa; ás 14h dará comezo a sesión vermú coa Requinta de Lampai e o serán ás 18h30. Á noite Ailá presentará Tradimensional, o seu último traballo.
Tamén, están programados varios obradoiros: enredos musicais con Oli Xiráldez, baile tradicional con Marcos Botana e formas e xeitos de tocar o pandeiro e a pandeireta con Noemi Basanta.
Ademais, haberá feira de artesanía, que será un aliciente máis para desfrutar da xornada e de promocionar o consumo de produtos de proximidade. Tampouco faltarán os xogos tradicionais pola tarde e a queimada ao rematar o concerto.
A organización agarda que esta edición sexa un éxito e que as persoas visitantes poidan desfrutar ao máximo da riqueza cultural e artística da comarca.