Guido Guía propón para o San Froilán un paseo polo lugar onde este naceu: o Regueiro das Hortas de Lugo

Tras o exitoso inicio do ciclo especial de paseos guiados “O Lugo Menos Coñecido” polo décimo aniversario do proxecto Guido Guía (2015-2025), que conseguiu reunir ao redor de medio cento de persoas en cada unha das primeiras catro saídas, a programación continúa este mes de outubro cunha nova cita.

O sábado 11 de outubro será a quenda do quinto capítulo desta recoñecida serie de itinerarios conducidos polo turismólogo e guía lucense Guido Álvarez Parga, que leva anos achegando a historia, a natureza e a memoria das paisaxes de Lugo a milleiros de participantes.

Nesta ocasión a proposta leva por título “O Regueiro das Hortas”, un paseo que permitirá descubrir un dos espazos naturais e históricos máis singulares e, ao tempo, máis descoñecidos da contorna urbana de Lugo. O itinerario achegará ás persoas participantes a este pequeno rego que atravesa terras de cultivo tradicionais e que conserva, malia a proximidade co centro da cidade, unha grande riqueza ambiental e etnográfica. Ademais, “O Regueiro das Hortas” ten un valor especial para a memoria lucense, pois a tradición sinala que neste lugar naceu San Froilán, patrón da cidade. A coincidencia da actividade coas festas que cada ano se celebran na súa honra engade así un atractivo único, combinando cultura, natureza e identidade local.

A actividade arrancará ás 11:00 horas desde o Parque Rosalía, un dos grandes símbolos da cidade e moi próximo ao barrio do Carme e ao Regueiro. O prezo da inscrición é de 8 euros por persoa, cun desconto do 50 % para menores de 18 anos e entrada de balde para nenos e nenas de ata 2 anos. As prazas poden reservarse previamente a través do correo electrónico guidoguiaturismo@gmail.com.

Unha oportunidade perfecta para redescubrir Lugo desde outra perspectiva: camiñando, aprendendo e compartindo en grupo a beleza e as historias que agochan os seus verdes camiños.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios