Na conferencia sobre a situación de Palestina, a eurodeputada do BNG defendeu a suspensión do acordo comercial entre a Unión Europea e Israel.
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, salientou que o embargo de armas a Israel é “unha das cuestións clave” nas medidas de presión fronte ao xenocidio que o estado sionista está acometendo en Gaza. Destacouno tras a conferencia sobre Palestina que se desenvolveu onte e hoxe no Parlamento Europeo, organizada pola propia Miranda xunto a outros eurodeputados do grupo Verdes-Alianza Libre Europea.
“Non se pode estar alimentando o xenocidio” subliñou a eurodeputada galega a respecto da compra de armas a Israel tanto por parte do goberno español como por partes das cidades galegas de A Coruña, Ourense e Vigo. Ademais, Ana Miranda fixo referencia á responsabilidade da Unión Europea, tanto a responsabilidade política como de respecto á lexislación internacional e defendeu que para parar o xenocidio é preciso suspender o acordo comercial entre a Unión Europea e Israel.
“Como é posible que se destrúan as infraestruturas construídas pola propia Unión Europea?”, preguntábase a eurodeputada do Bloque en relación á destrución que Israel leva a cabo en Gaza. “É un xenocidio e hai que paralo”, reiterou, en referencia a unha das conclusións da conferencia, que determina que todos os elementos levan a cualificar de xenocidio as actuacións do Estado sionista, tanto polas 60.000 persoas asasinadas como pola destrución das infraestruturas e a utilización da fame como arma de guerra, entre outras.
Delegación galega
Precisamente a respecto do desenvolvemento da conferencia sobre Palestina, que contou cunha ampla representación de expertos, xuristas, académicas, xornalistas, activistas e superviventes de diferentes partes do mundo, Ana Miranda salientou que foron catro eurodeputados e eurodeputadas os organizadores -ela mesma xunto a Mounir Satouri, Jaume Asens e BenedettaScuderi- pero “temos ao noso lado á sociedade civil que vén desde Galiza e tamén desde o norte de Europa”.
A eurodeputada do BNG facía referencia así á delegación galega que se trasladou a Bruxelas para participar nas xornadas, integrada por Samir Ashourd e SarahAshourd, da Asociación Galaico Árabe Jenin, e Anxela Gippini e Xoan Gabeiras, en representación de Galiza Por Palestina. “Sumamente interesantes” e “moi intensas” cualifican desde a delegación galega a organización da conferencia, que permitiron, por exemplo, coñecer de primeira man a actuación de doutores que exercen en Gaza.