O PPdeG consegue que o Senado avale a demanda ao Goberno central de crear cinco novos xulgados exclusivos de violencia de xénero en Galicia

 “Para previr e combater a violencia de xénero é necesario contar con todos os medios posibles e iso é o que demandamos: máis medios xudiciais a disposición das vítimas”, explica Pepa Pardo.

Os representantes do Partido Popular de Galicia no Senado conseguen que a Cámara Alta avale a demanda dirixida ao Goberno de España para que poña en marcha cinco novos xulgados exclusivos de violencia de xénero en Santiago de Compostela, Ferrol, Ourense, Pontevedra e Lugo.

Na Comisión de Xustiza que tivo lugar esta mañá, a senadora galega e portavoz de Xustiza do Grupo Popular, Pepa Pardo, foi a encargada de defender a moción na que se insistía nesta reclamación –avalada tanto pola Xunta como polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia– e que, lamentablemente, foi aprobada sen contar co apoio nin do PSOE nin do Grupo Plural, ao que pertence o BNG.

“Para previr e combater a violencia de xénero é necesario contar con todos os medios posibles, tanto humanos como materiais. E iso é o que demandamos nesta moción que buscaprecisamente poñer a disposición das vítimas máis medios xudiciais”, manifestou na súa intervención.

Así mesmo, recordou que esta cuestión estaba tamén recollida nos dous acordos de investidura asinados “e incumpridos” entre o PSOE e o BNG. É máis, no primeiro deles “recollíase especificamente que estes cinco xulgados estarían en marcha en 2024 e xa estamos en 2025 e seguimos sen contar con eles”.

Pardo puxo en cuestión o anuncio de novas unidades xudiciais específicas para o ámbito da violencia sobre a muller realizado polo Ministerio xa que, tal e como advertiu, “as dúas de reforzo da Coruña e Vigo serán a costa da transformación dos xulgados de instrución xa existentes e as de Ourense e Santiago prestarán servizos comarcalizados e non exclusivos e individualizados”.

“Están desvestindo a un santo para vestir a outro”, resumiu afondando na situación de “colapso” e “sobrecarga de traballo” que, tal e como sinalou o propio Consello Xeral do Poder Xudicial, suporá a aplicación da Lei de Eficiencia da Xustiza aprobada polo Goberno –co apoio do BNG– na medida en que “os xulgados existentes terán que asumir máis competencias”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios