O 9 de maio de 1945 o exercito nazi rendíase de forma incondicional ao exercito vermello, vencendo ao nazismo e fascismo e poñendo remate á Segunda Guerra Mundial na fronte europea. Tras anos de loita heroica por parte de millóns de persoas en todo o mundo, caía un réxime que apuntara de forma serodia ao imperialismo colonialista na busca dun novo “espazo vital” (Lebensraum) para os alemáns dentro de Europa. Para conseguilo había que expulsar ás poboacións de Europa Oriental e empregar o xenocidio como medio de limpeza étnica e ideolóxica.
O triunfo sobre o nazismo logrouse sobre todo grazas ao Exército Vermello que na fronte oriental asumiu o groso da loita militar, entrou en Berlín e obrigou á rendición do exército nazi cun custo humano devastador de máis de 27 millóns de vidas soviéticas.
Nesa loita heroica participaron numerosos grupos de resistencia popular en todos os continentes e movementos anticoloniais nos países colonizados, alimentados pola profunda convicción de que o fascismo non podía dominar o mundo nin destruír os soños de liberdade, igualdade e dignidade da humanidade.
Temos que lembrar de forma especial como Capitulo Galego neste día aos galegos que fuxidos do Réxime Franquista se uniron a resistencia francesa e remataron nos campos de exterminio nazi, compatriotas e veciños nosos, dos que case nunca se fala.
O 9 de maio supuxo unha vitoria dos pobos contra o imperialismo, da solidariedade fronte ao egoísmo, da esperanza ante a barbarie. Hoxe ese legado está en perigo. Ser fascista xa non está mal visto. A extrema dereita reorganízase a nivel global, espallando odio e mentiras.
O relato fascista adáptase aos novos tempos, pero conserva o mesmo núcleo dun proxecto político reaccionario e autoritario: supremacía dos poderosos, desprezo polas persoas e pobos máis vulnerables, negación do Dereito de Autodeterminación dos Pobos.
O silencio ante o fascismo supón complicidade. A memoria é parte do noso compromiso. Por iso, neste 9 de maio de 2025:
- Chamamos a que cada un desde o seu ámbito participe na loita contra a expansión do fascismo. Chamamos á sociedade galega a organizarse, mobilizarse e educar en valores antifascistas, desde as escolas até os barrios, desde os sindicatos até os colectivos culturais.
- Denunciamos os intentos de reescribir a historia de branquear os fascismos borrando ás vítimas e lexitimando aos verdugos.
- Esiximos aos gobernos que restauren a memoria.
- E finalmente temos que lembrar que o nazismos supuxo un xenocidio polo que nesta data non podemos ignorar outro xenocidio que se está a producir diante dos nosos ollos, o xenocidio contra o Pobo Palestino.
Neste aniversario, lembramos ás vítimas do nazismo, ás persoas deportadas, ás guerrilleiras esquecidas, aos que deron a vida por un mundo mellor, e tamén aos que puideron sobrevivir a tanto sufrimento para contalo. Honrámolas non con flores baleiras, senón coa continuidade da súa loita.