O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, visita este sábado diferentes espazos participantes na novena edición de Estudios Abertos, unha xornada de portas abertas que ten como obxectivo dinamizar as artes plásticas da cidade e poñer en valor aos creadores e creadoras coruñesas. «Desde o Goberno de Inés Rey buscamos que a cidadanía sexa consciente do enorme talento que hai nos nosos barrios a través dunha iniciativa que abre as portas dos centros de creación», indicou o edil.
A xornada prolóngase durante todo o día, con 39 participantes das diferentes artísticas: escultura, pintura, fotografía, ilustración, debuxo, cerámica ou multidisciplinar. O acceso para a cidadanía é gratuíto e diferentes estudios contarán con programación complementaria e visitas guiadas abertas ao público. O obxectivo desta xornada é coñecer de primeira man os artistas coruñeses, os seus centros de traballo e creación e os seus procesos creativos. Son todos eles e elas profesionais radicados na cidade e que desenvolven o seu traballo nela.