Arroxo: «Este proxecto permite avanzar nun modelo de mobilidade peonil tamén no eixo leste-oeste da cidade, integrando unha gran senda peonil que parte desde o Río ata Fontiñas».
O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, presentou, xunto co edil de Infraestruturas, Alexandre Penas e o enxeñeiro municipal Alberto Cardama, a alternativa de mobilidade na que está a traballar a Tenencia de Alcaldía, comunicando a través dunha pasarela peonil o Parque de Rosalía co Parque Marcos Cela. Arroxo afirmou que «consideramos que é un proxecto interesante, con grande potencial para avanzar cara a unha cidade máis camiñable, creando un novo espazo peonil entre dúas zonas moi importantes da cidade».
Rubén Arroxo lembrou que esta proposta foi aprobada en pleno no ano 2018 a iniciativa do Grupo Municipal do BNG, iniciativa que contou con 24 votos a favor e 1 voto en contra e que consistía en poder unir, facendo
un paso peonil, a explanada das costas do parque co entorno do parque Marcos Cela. «Xa hai bastantes anos, estas costas do parque estaban conectadas directamente co río a través de camiños tradicionais, que
cando se fixo a ronda República Arxentina se perderon, e con esta pasarela tamén sería un pouco recuperar ese concepto de unir o Parque co Río de xeito peonil», explicou Arroxo.
«Agora mesmo estase a elaborar un estudo de viabilidade para atopar a mellor alternativa» declarou o Tenente Alcalde, que engadiu «consistiría nunha pasarela que que comezaría preto do aparcadoiro de autocaravanas do Parque de Rosalía e desembocaría ao comezo do Parque Marcos Cela».
A Tenencia de Alcaldía planifica poder comezar a elaborar o proxecto a finais do verán, co obxectivo de que esta intervención se materialice no ano 2026. «A idea é que, unha vez valorado o custe, se poida incluír no
orzamento do ano 2026 para executalo ese ano», explicou Arroxo.
Esta alternativa permitiría salvar o espazo que crea a ronda República Arxentina. «Se estás na outra beirarrúa, non tes forma de cruzar máis que no cruzamento da rúa Santiago ou no cruce con Pintor Corredoira», declarou Arroxo, que engadiu «buscamos crear unha zona que podería servir non só para unir os parques, senón tamén para os residentes deste entorno, salvando a barreira que hai entre as dúas zonas».
«Isto tería un concepto importante a nivel cidade», afirmou o Tenente Alcalde. «Hai unhas semanas falabamos da peonalización da rúa Milagrosa, buscando crear un corredor peonil norte-sur de case 3 km entre Milagrosa
e praza de Bretaña, con isto, queremos crear tamén un corredor leste-oeste que nacería na praza do Camiño Primitivo, en Fontiñas, subiría por Carril das Flores, que vai ser peonil, continuaría pola Mosqueira, continuando pola Ronda da Muralla entrando en Recatelo a través do Carril dos Loureiros». O percorrido continuaría ou atravesando o barrio de Recatelo, ou polo novo Muro de Frei Plácido Rei Lemos, «e aquí teriamos a pasarela que nos permitiría cruzar cara a Magoi ou ao parque Marcos Cela, tamén por un espazo peonil», dixo Arroxo, que afirmou que esta alternativa creará un espazo «practicamente peonil» entre Fontiñas e o Río.